OurenseÚltima hora

Avanza do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con Luis Llaneza, doutor en Bioloxía e experto na especie

Imaxe da reunión da conselleira de Medio Ambiente co experto Luis Llaneza.

 

Progresa a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia coa formación de case 150 efectivos que realizarán os traballos, que se alongarán desde este mes ata outubro. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde unha reunión co doutor en Bioloxía e experto en lobo ibérico Luis Llaneza para coñecer a evolución dos primeiros pasos da actualización do censo do lobo na Comunidade, adxudicada en maio a Arena Asesores en Recursos Naturales.

Os traballos, coordinados por Llaneza, continuarán a aplicación do método para a detección do lobo sobre un total de 326 cadros UTM de 10 km2, o que suporá peinar unha superficie de 29.000 km2. As tarefas consistirán principalmente na realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e recollida de datos en estacións de escoita-ouveo.

Tal e como indicou a conselleira, Galicia “conta cos mellores métodos de análise, baseados en criterios biolóxicos, ecolóxicos e interpretativos, e realiza os labores no momento máis propicio, tendo en conta que as manadas se atopan conexionadas nunha zona do territorio neste momento do ano”.

Ángeles Vázquez defendeu que os resultados que arroxe este estudo serán unha información cun alto valor, pois será o aval técnico e científico que Galicia consultará antes de adoptar calquera decisión que poida afectar a esta especie.

Nese sentido, defendeu que a Comunidade está a facer un traballo de investigación, cunha base científica rigorosa e actual; un exemplo que tamén debería adoptar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, “que deixou de falar cos que saben”, lamentou a conselleira, e ao que unha vez máis trasladou a necesidade de elaborar un censo nacional para coñecer a situación actual desta especie en todas as comunidades.

Pola súa banda, Luis Llaneza trasladoulle á conselleira que Galicia conta cunha base robusta e un protocolo moi estable, grazas aos anos de experiencia de xestión desta especie silvestre; e engadiu que, aínda que hai que levar a cabo todos os traballos para realizar o censo na Comunidade, as estimacións indican que a poboación do lobo ibérico non se viu mermada, senón todo o contrario.

Ambos compartiron a idea de que “a actualización do censo require dunha labor metódica e continuada, cun criterio científico que avale a situación do lobo ibérico en Galicia”, co fin de garantir un equilibrio entre a existencia da especie e o desenvolvemento da actividade agrogandeira.

Retirada da orde ministerial

Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente insistiu unha vez mais na necesidade de que o Ministerio retire o proxecto de orde ministerial que inclúe ao lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Nesta liña, lembrou que, no caso de que o Ministerio non atenda as reivindicacións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, reclamación que tamén apoian outras sete comunidades e as principais organizacións agrarias, acolleranse ao dereito de presentar un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Supremo para pedir medidas cautelares de suspensión da orde, co fin de paralizar a súa eficacia ata o pronunciamento final da xustiza.

Artigos relacionados

Back to top button