OurenseÚltima hora

O censo do lobo ibérico cifra nunhas 93 as mandas reprodutoras exitestente en Galicia

Os resultados deste censo realizado pola Xunta vén de facelos públicos a directora xeral de Patrimonio

 

A actualización do censo do lobo ibérico realizada pola Xunta entre 2021 e 2022 conclúe que existen en Galicia unhas 93 mandas reprodutoras, cifra similar ás 90 mandas estimadas no seguimento correspondente ao período 2013-2015 e que confirma a evolución positiva da especie na Comunidade.

Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que aproveitou a súa visita a unha explotación gandeira en semiextensivo de Rois para dar a coñecer as principais conclusións dos traballos encargados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de dispoñer de datos actualizados sobre a presenza e distribución territorial desta especie silvestre.

En concreto, do Campo explicou que as estimas poboacionais que apuntan a un incremento do número de mandas reprodutoras —3 máis que no seguimento anterior— se obtiveron aplicando dúas metodoloxías distintas avaladas por publicacións científicas e que arroxaron conclusións moi similares. Esta coincidencia, asegurou, “confirma a robustez” dos datos obtidos e avala que o estado de conservación do lobo na Comunidade é favorable, “a tese defendida sempre pola Xunta”, tal e como lembrou.

Así mesmo e con relación á distribución territorial da especie, os traballos acometidos apuntan tamén a que o lobo ibérico ten unha presenza xeneralizada en Galicia, agás nas grandes cidades e no Baixo Miño, cunha área de reparto que ocuparía unha superficie de 26.098 quilómetros cadrados, o que supón o 91% do territorio galego.

Tras facer fincapé no bo estado do lobo en Galicia e vinculalo coa xestión da Xunta nos últimos anos, do Campo salientou que a Consellería seguirá ao carón do sector agrogandeiro mobilizando fondos propios para prever e paliar posibles ataques. Así, anunciou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas para compensar os danos ocasionados por estes animais silvestres en explotacións e no gando.

Cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que este ano, Belén do Campo explicou que estas subvencións autonómicas permitirán cubrir os danos que se comuniquen a través do teléfono 012 no período comprendido entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de setembro de 2023.

A maiores, tamén avanzou que a comezos de xaneiro se publicará unha nova convocatoria da liña de axudas para a adopción de medidas de prevención fronte ao lobo. Neste caso, o orzamento previsto para 2023 ascende a 1,9 millóns de euros, contía que “supón triplicar” o esforzo económico destinado a prevención este ano e unha mostra clara, segundo dixo, da implicación e do compromiso da Xunta coa protección do lobo ibérico na Comunidade sen descoidar a defensa dos intereses dos gandeiros, un sector clave para garantir o futuro e o desenvolvemento sostible do rural.

Precisamente, a directora xeral visitou hoxe Casa da Roisa, en Rois, unha explotación con ao redor dunha trintena de vacas de raza autóctona limiá que recibiu unha subvención da Consellería para instalar un peche con cargo á convocatoria de axudas de 2022 para medidas de prevención fronte ao lobo.

Por último, hoxe tamén se publica no DOG unha nova orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros para 2023 co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas.

Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie silvestre entre o 11 de outubro deste ano e o 10 de outubro do que vén e, como principal novidade, a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que este ano.

Artigos relacionados

Back to top button