CulturaCulturaÚltima hora

Un estudo apunta ás orixes medievais dos montes comunais das aldeas de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras)

Trátase dun artigo de investigación publicado na revista "Historia Agraria"

Imaxe: Sputnik Labrego.

 

¿Cando naceron os “montes veciñais” en Galicia? ¿Como foi o seu desenvolvemento nos distintos períodos históricos? ¿Como se relacionan coas transformacións políticas, económicas e sociais? A estas e outras cuestións trata de responder un novo traballo de Sputnik Labrego en colaboración co proxecto Mulime de investigación para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común nas aldeas de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras).

Este estudo leva por título “Como son obligados de inmemorial tiempo a esta parte: una historia de larga duración de los comunales en las aldeas de Casaio y Ladeira (siglos X-XVIII)” vén de publicarse na revista Historia Agraria. Presenta os resultados dunha investigación cuxo obxectivo é analizar a historia dos espazos comunais e mancomunais destas dúas localidades dende unha perspectiva multidisciplinar. Unha metodoloxía que implica o estudo da documentación escrita de época medieval e moderna, mais tamén incorpora a arqueoloxía e as entrevistas etnográficas como forma de achegarse á historia destes importantes espazos.

Deste xeito, unha das conclusións do traballo é que a orixe destes actuais espazos de xestión comunal e mancomunal nestas aldeas pode remontarse, polo menos, “a Idade Media, posiblemente aos séculos IX ou X, se ben poderían ser anteriores. Porén, a primeira evidencia dunha potencial xestión comunal do territorio daríase na metade do século XII, momento no que se documenta unha doazón de terras ao mosteiro de San Pedro de Montes confirmada polo “concilio de Casoyo et de Casayo”, que mostraría a presenza dunha institución local que tería competencias na xestión de territorio. Estes espazos de orixe medieval serían obxecto de disputas ao longo do tempo, con momentos de forte tensión nos séculos XVII e XVIII, nos que se rexistran máis dunha ducia de conflitos polos espazos comunais. Neste sentido, a arqueoloxía pode asemade aportar unha información moi importante, xa que a maioría das estruturas vencelladas coa xestión dos espazos comunais e mancomunais poderían datarse inicialmente neste período”, segundo estes investigadores.

Este traballo, produto dun proxecto europeo desenvolvido na Universidade de Xénova e en colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, “é unha importante aportación á historia da comarca de Valdeorras e á historia dos montes comunais que continuará en futuras investigacións, dada a importancia que estes espazos ten para as comunidades locais”, segundo Sputnik Labrego.

Artigos relacionados

Back to top button