CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O achádego das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras (Casaio) analizado nunha conferencia no Barco

O acto foi organizado polo IEV coa colaboración do Casino e de Sputnik Labrego

 

En febreiro de 2019 dábase a coñecer un dos achádegos máis importantes dos últimos anos en Galicia, as pinturas rupestres atopadas en Pala de Cabras, en Casaio (Carballeda de Valdeorras), “o maior conxunto de pintura esquemática prehistórica de Galicia” que segundo o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) Lansbrica, teñen entre 4.000 e 5.000 anos de antigüidade e idenfifican “ata 40 motivos distintos, a maioría deles ídolos oculados e figuras soleiformes”.

Esta manifestación de arte prehistórica descubríaa un equipo integrado por investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio e da empresa Estela Arqueoloxía, dentro dun proxecto de investigación sobre as paisaxes da guerrilla antifranquista que realiza Sputnik Labrego e que na tarde deste venres 9 de febreiro centraba unha conferencia organizada polo Instituto de Estudos Valdeorreses en colaboración coa Sociedade Casino do Barco e o propio Sputnik.

O acto, que reunía a numeroso público no segundo andar do Casino, era presentado polo presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado despois da benvida do presidente do Casino Pablo Dobao e contaba con catro poñentes, especialistas na materia, presentados polo responsable da sección de Arqueoloxía do IEV, José Fernández: Francisco Alonso (Tempos Arqueólogos), Fernando Carrera Ramírez (Escola Superior de conservación e restauración de bens culturais de Galicia), Manuel Santos Estévez (Instituto de Ciencias del Patrimonio, Consejo Superior de Investigaciones Científicas) e Carlos Tejerizo García (Universidad de Salamanca).

 

 

Tejerizo, director do proxecto, era o encargado de contextualizar o descubrimento, falando sobre o que fixeron e as perspectivas de futuro, mentres Santos falaba dos novos descubrimentos a partir da fotografía multiespectral explicando o que son as pinturas e as súas interpretacións. Pola súa banda, Carrera falaba sobre os temas de conservación, da situación actual da Pala e as perspectivas de limpeza no futuro, mentres que Alonso, o descubridor das pinturas explicaba a proposta de futuro.

“Sempre dicimos, e resulta difícil explica fóra de Valdeorras, o interese e a riqueza que ten esta comarca e que aínda non está aproveitada, polo que queremos dar esa proposta de cara ao futuro nun sitio tan singular e único como é Pala de Cabras”, aseguraba Carlos Tejerizo.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button