O Parque Náutico de Castrelo de Miño acollía esta tarde un mitin no que o candidato á alcaldía de Castrelo de Miño e actual rexedor, Avelino Pazos, estaba acompañado polo presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, e polo conselleiro do Medio Rural, José González.
Como “medidas fundamentais” para este concello, Avelino Pazos apostaba pola construción “dunha residencia de maiores, para coidar aos nosos maiores e xerar postos de traballo no concello”, ademais de “rematar a tramitación da declaración de augas termais que xa iniciamos para poñelas a disposición de inversores interesados na edificación dun hotel balneario a prol do emprego local”.
Así mesmo, sinalaba que, de continuar á fronte do goberno local, “executaremos a primeira fase do proxecto de bombeo do río Miño -cun orzamento de 2,7 millóns- para eliminar definitivamente o problema do arsénico no noso concello”. Tamén apuntaba que “fundaremos un padroado deportivo-turístico, que coa ampliación do Parque Náutico de Galicia axudará a consolidarnos como referente dos deportes náuticos de interior”.
Pazos comentaba ademais que “continuaremos co Plan de Melloras de Viais Municipais, que iniciamos no ano 2020 ata arranxar todas as estradas e camiños do noso concello”, destacou o candidato, ademais de proseguir “o ensanche e mellora da estrada de Astariz a Macendo, da que xa conseguimos licitar a súa primeira fase”. E, no referente ao apoio ao sector vitivinícola, avanzaba a “creación dun polígono agroforestal para poñer máis terreo de viñedo a disposición dos nosos colleiteiros e adegueiros”.
Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, resaltaba na súa intervención otraballo realizado por Avelino Pazos ao fronte do Concello. “Demostrou que merece seguir sendo alcalde de Castrelo de Miño: el pacificou o Concello, colocou as liortas na porta de saída e so pensa en facer e construír un mellor Castrelo de Miño”. E, como balance da súa xestión, resaltaba as “obras desenvolvidas, todas as realidades perfiladas para aproveitar as potencialidades do concello e que poden ser executadas grazas á Deputación de Ourense e a Xunta”.
O presidente do PP ourensán destacaba que “o 28 de maio, o horizonte é moi claro: o futuro de Castrelo de Miño chámase Avelino Pazos. Esta é solución para que Castrelo siga sendo un dos concellos referentes non so do Ribeiro senón de Ourense”.