PolíticaÚltima hora

Baltar dá a coñecer aos membros da candidatura ao comité do PP provincial

Contará con 9 vicesecretarías, entre as que figura a de Medio Rural, na que se sitúa á valdeorresa Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco

 

O candidato á reelección da presidencia do PP de Ourense, Manuel Baltar, deu a coñecer esta tarde os nomes das 105 persoas que mañá domingo, día 26, proporá ao plenario do 18º Congreso Provincial do PP como membros do comité executivo, e que lle acompañarán “nunha nova etapa da formación, que non supón un punto e seguido, senón o inicio dun proxecto político e de goberno que se resume nunha soa palabra: Ourense”.

Na tradicional visita ao escenario do congreso, no pavillón dos deportes Paco Paz, Manuel Baltar entregou á presidenta do comité organizador, Jackeline Fernández, a composición da candidatura ao comité executivo, da que destacou que está “baseada na experiencia, pero cunha significativa incorporación da mocidade, porque eles son o futuro do partido e do noso territorio, e coa maioría feminina á que me comprometín no meu décalogo de propostas como candidato”.

O candidato, recén chegado da Coruña onde asistiu ao congreso provincial no que Diego Calvo foi reelixido presidente e ao que lle desexou “un novo mandato cheo de éxitos”, destacou que a renovación do comité executivo alcanza o 40 %, cun 70 % de concelleiros e concelleiras e unha media de idade de 48 anos.

O comité executivo estará integrado por 53 mulleres e 52 homes que se repartirán as súas responsabilidades desde a propia presidencia, a primeira vicepresidencia na historia do PP ourensán que ocupará Rosendo Fernández e a secretaría xeral que asumirá Ana Villarino, a única de Galicia. A candidatura inclúe nove vicesecretarías, entre as que figura a de Medio Rural, na que se sitúa á valdeorresa Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco; e catro coordinadores para política provincial, nacional, autonómica e parlamentaria, ademais da presidencia de Novas Xeracións, que ostenta Nacho Campo. Un total de dezasete persoas que, a súa vez, integrarán o comité de dirección.

O capítulo máis extenso da proposta corresponde ás secretarías executivas, das que formarán 39 persoas en representación doutros tantos ámbitos como o económico, social nas súas diferentes vertentes, cultural, tecnolóxico, turístico, de termalismo ou reto demográfico, entre outros. Entre elas figuran o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez (Innovación Tecnolóxica); o barquense Moisés Blanco (Desenvolvemento Rural) ou a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía (Emprendemento) ou o rues Avelino García (Transparencia).

Na candidatura tamén ten unha destacada presenza o municipalismo, cun comité formado por sete alcaldesas e alcaldes (entre eles o de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e a rexedora de Carballeda de Valdeorras, M. Carmen González), xunto coa portavoz no Concello de Ourense, e un comité de portavoces na oposición. A lista complétase cos cinco membros do comité electoral (entre eles o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández), outros tantos pertencentes ao comité de dereitos e garantías, catro vogais por designación da presidencia e 22 vogais

18º Congreso provincial do PP, mañá

O 18º Congreso Provincial do Partido Popular de Ourense reunirá mañá domingo no pavillón Paco Paz da capital a preto de 800 compromisarias e compromisarios, nunha cita que contará coa presenza de medio cento de invitados entre os que se atopan algúns dos cargos máis representativos do Partido Popular, como o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral nacional Teodoro García Egea, que intervirán xunto ao presidente electo no acto de clausura. Tamén acudirán ao conclave ourensán representantes políticos de Ecuador, das institucións europeas e de diversas entidades e asociacións.

O programa dará comezo ás 10.00 horas coa constitución da mesa do congreso, seguida da aprobación do regulamento, a proclamación da candidatura de Manuel Baltar, a lectura de dúas comunicacións –“Ourense século XXI: potencialidades e servizos públicos” e “os concellos de Ourense, protagonistas do futuro da provincia”-, a intervención de cargos do PP nacional e da prefecta da provincia de Guayás (Ecuador).

A candidatura completa pode consultarse aquí:

Candidatura do Comité Executivo do PPOU

Artigos relacionados

Back to top button