En portadaÚltima hora

Banksy desembarca en Verín coa súa pintada máis emblemática

Unha escolma das intervencións máis destacadas do artista internacional rehabilitarán espazos degradados

 

Banksy, o artista urbano máis destacado do panorama internacional, desembarcou esta mañá en plena feira de Verín cunha das súas pintadas máis emblemáticas: “Naked man”, ou “Home nú pendoirado da fiestra”, que se pintou en Bristol por vez primeira en 2006 e hoxe é un ben cultural protexido no Reino Unido. A obra forma parte da mostra ao aire libre “Verín, territorio Banksy”, que recuperará cun percorrido pola súa obra muros e paredes degradados da vila do Támega.

“Well Hung Lover” (Amante ben pendoirado) ou “Naked Man Hanging From Window”, máis coñecido simplemente como “Naked man” (home nú) é unha das obras máis coñecidas de Banksy. Apareceu pintada en 2006 no muro lateral dunha clínica de enfermidades sexuais de Bristol, en Frog Lane, e a súa fama foi tan grande que o concello convocou un referéndum sobre a conservación da obra. O resultado foi a favor dela, e converteuse así na primeira obra de arte da rúa legal no Reino Unido, gozando hoxe dunha protección especial.

Banksy é a día de hoxe, posiblemente, o artista gráfico máis famoso do mundo. En parte pola súa implicación na arte urbana, en parte polas súas actuación iconoclastas en subastas de arte, o seu exemplo como artista responsable e con alto contido social ten dignificado o grafiti, elevándoo á categoría de arte.

 

Travesía das Veigas, antigo edificio dunha importante adega de graneis de viño./Foto: Concello de Verín.

 

A súa crítica aos valores do capitalismo salvaxe, a súa alta sensibilidade social e o seu aparente desprendemento do valor do diñeiro fixeron o resto.

Revestido dun aparente anonimato, moitas das súas, como as propostas para “Verín, territorio Banksy”, forman xa actualmente parte da historia da arte. Para “Verín, territorio Banksy” contarase con obras icónicas do prolífico autor, que teñen ido aparecendo no Reino Unido, Gaza ou París, principalmente no que vai de século. Con finalidade pedagóxica e divulgativa, a selección conformará un percorrido turístico dentro do casco urbano de Verín, con secuencialidade e información pedagóxica.

As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial “Verín territorio Banksy” do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Alex Araújo.

O Concello agarda que se conforme un atractor cultural que, debidamente promocionado, conforme un circuito turístico dentro do casco urbano de Verín. “Sería un final espectacular”, sinalan desde o Concello, “que o propio Banksy rematarse por interesarse na vila e deixase unha das súas obras en Verín”.

¿Quen é realmente Banksy?

Aínda que se descoñece a identidade de Banksy, existen varias conxeturas e candidatos internacionais á súa personalidad. Un deles é Jamie Hewlett, dibuxante e autor do comic Tank Girl, aínda que fontes do entorno de Banksy o negan.

Outro candidato é Robert del Naja, líder da banda de trip hop Massive Attak, que foi grafiteiro nos 80. Neil Buchanan, presentador dun programa de arte, é outro dos candidatos máis recentes, aínda que Robin Gunningham é quizáis a hipótese máis común sobre a identidade de Banksy. De ser así, tería nacido o 28 de xullo de 1973 en Yate, preto de Bristol. Os seus amigos da infancia e a presencia neste entorno das súas primeiras obras, corroboran esta versión.

Artigos relacionados

Back to top button