CulturaCultura

Berlai presenta o seu primeiro disco, “Desconhecido”, na Sala Auriense o 24 de marzo

A banda.

Logo de presentar con éxito o seu primeiro disco, ‘Desconhecido’, o pasado decembro, Berlai ofrecerá un novo concerto en Ourense, na Sala Auriense o 24 de marzo ás 21:30 horas, coa banda ao completo.

A finais deste ano saía á rúa o primeiro disco de Berlai, a banda liderada por Xiao Berlai (ex compoñente do grupo Fía na Roca), e o vindeiro 24 de marzo preséntao en directo na Sala Auriense de Ourense, un dos locais de referencia na cidade das Burgas. Será un concerto especial, con toda a banda ao completo, e con Ernesto G. Torterolo (autor do cómic que acompaña o disco) que debuxará en directo, como parte do espectáculo.

‘Desconhecido’ é unha historia de amor e de tolemia contada en músicas e letras/poemas de Xiao Berlai e debuxos do artista Ernesto G. Torterolo. Unha historia do Far West galego, unha historia (real) dun home solitario que preferiu vivir e morrer só porque non lle deixaron vivir como el quería.

É o primeiro disco de Berlai, un proxecto especial que foi financiado a través da plataforma de crowdfunding Verkami. Como característica ten que é un CD/BD no que música, poesía e narrativa ilustrada van xuntas da man compartindo estética, e forman un fío narrativo onde a lectura proposta é o conxunto completo da obra, pero non o único. Así, a obra convértese nun collage no que as partes (unha canción, un debuxo, unha secuencia, un poema) poden ser independentes e, ao mesmo tempo, cando son lidas como partes do todo, cobran un novo sentido.

A banda

Berlai é o proxecto musical creado polo músico compostelán Xiao Berlai, líder da banda. Un proxecto baseado nunha música sen complexos que bebe directamente da tradición galega, do indie-pop, do rock e da música electrónica.

Berlai defínese como “indie rururbano”, como consecuencia lóxica á música “post-bravu”, e así se transmite no primeiro proxecto da banda: ‘Desconhecido’. O resto dos compoñentes da banda son: Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).

As letras das cancións insisten nun lirismo obsceno, nun romanticismo roto, e nacen como imaxes obsesivas do universo galego: onde as verzas son urbanas, ou o millo necesita cintas de balizamento policial. Este é o ambiente perfecto para o amor máis puro ou o sexo mais porco do ideal berlaiano. Onde a Galiza imaxinaria vai perdendo aos poucos os folgos de seguir sendo.

Artigos relacionados

Back to top button