PolíticaÚltima hora

Besteiro di que o 30 de decembro reabrirá ao tráfico a A-6 en dirección Madrid

 

O vindeiro 30 de decembro reabrirase ao tráfico a autovía A-6 en dirección Madrid, tras finalizar a reconstrución dos dous viadutos do Castro entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce (León). A circulación recuperará así a normalidade neste tramo despois de intensificarse os traballos para restablecer a conexión de Galicia coa meseta. Anunciábao hoxe o presidente da Comisión de Transportes e candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, na supervisión das obras, acompañado polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo e a alcadesa leonesa de Vega de Valcarce, María Luisa González

Na súa intervención destacaba “o estrito cumprimento dos prazos. Dunha forma rapidísima e con moitísima contundencia investíronse por parte do Estado 70 millóns de euros para recuperar de xeito urxente, rapidamente, o viaduto que colpasara hai aproximadamente pouco máis dun ano. Nun tempo récord recuperouse a conexión coa meseta e con Madrid”, dixo.

“Actuamos con celeridade para recuperar a normalidade neste tramo que conecta Galicia coa meseta, cumprindo cos prazos previstos para a reconstrución dos viadutos, cun investimento total de case 70 millóns de euros”, explicou.

O 30 de decembro abrirase ao tráfico no sentido a Madrid tras a reconstrución dos viadutos pequeno e mediano neste tramo, coa finalización das obras de instalación do sistema de contención, as probas de carga e a sinalización e balizamento, entre outras cuestións.

A apertura da calzada sentido Madrid permitirá aliviar o tránsito de vehículos pola travesía de Pedrafita do Cebreiro, por onde actualmente se deriva todo o tráfico da autovía en ambos sentidos.

Dirección á Coruña

Ademais, estanse executando de forma paralela e coordinada os traballos correspondentes ás cimentacións de pilas do viaduto grande na calzada, sentido A Coruña. O tráfico permanecerá, nesta primeira fase de apertura, circulando pola autovía A-6 ata o quilómetro 428, no que se incorporará á N6 ata o 432, podendo neste punto reincorporarse de novo á autovía.

Os traballos no maior do viaduto “permitirán a apertura completa da circulación en sentido á Coruña no 2024”, engadía.

Artigos relacionados

Back to top button