PolíticaÚltima hora

O BNG fai unha chamada “á manifestación” do domingo en Santiago en defensa da Sanidade Pública

Publicidade
Ana Pontón e Noa Presas mantiveron hoxe unha xuntanza co persoal do CHUO así como co cadro de limpeza para recoller as súas reclamacións
Ana Pontón, Noa Presas e varios representantes do BNG ás portas do CHUO. // Foto: Carlos Asensio.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada nacionalista pola provincia, Noa Presas, mantiveron hoxe, 1 de febreiro, unha xuntanza co persoal do CHUO para coñecer a situación que está a vivir o Complexo Ourensán, tanto no eido das reclamacións pola redución de camas como pola folga de limpeza convocada para o vindeiro luns, 5 de febreiro.

A voceira nacionalista animou “á cidadanía acuda en masa á manifestación, convocada por S.O.S. Santidade Pública, o vindeiro domingo en Santiago”. Tamén comprometeuse a que vai trasladar ao Parlamento Galego este “malestar” da cidadanía polos “continuos recortes do Partido Popular”, así como para reclamarlle á Xunta “un plan de mellora” na Atención Primaria.

Ana Pontón dixo que a sanidade galega está “en estado de shock e non polo virus da gripe, senón polo virus das privatizacións e recortes do Goberno de Alberto Núñez Feijóo”. E abundou no tema reiterando que “os recortes matan e hai que dicir basta xa”

Para Pontón é necesario “aunar as voces dos galegos e galegas” nesa concentración en Sentiago para reclamar “máis medios e recursos e que se frenen as privatizacións”. E, en concreto para Ourense, reclamou “máis medios” para o CHUO e así poida afrontar os “numerosos problemas” como as “extensas listas de agarda, a situación do servizo de hemodinámica e o desmantelamento da Cirurxía Pediártica”.

Neste eido a voceira do BNG o ten claro: “A alternativa non é privatizar e facer da Sanidade un negocio, senón que pasa por dotar de recursos e frear a descapitalización impulsada por Núñez Feijóo”.

Por este motivo, amosou o seu compromiso de que os nacionalistas van actuar no parlamento para “ofrecer alternativas concretas e, así, respostar a ese malestar da cidadanía”. Unhas verbas que refrendou a súa compañeira e deputada nacionalista pola provincia Noa Presas, que confirmou que dende o seu grupo van trasladar ao Parlamento galego “as reclamacións das traballadoras do servizo de Limpeza do CHUO” que protestan pola falla de persoal tras a ampliación.

“Non é de recibo que nos servizos mínimos supoñan que haberá máis traballadoras en activo durante a folga”, dixo Presas, que tamén manifestou o seu malestar porque “non haxa servizo de limpeza nas fins de semana e que as traballadoras teñan un ratio moi superior ao recomendado pola normativa de riscos laborais”.

Avances: xuntanza coa Xerencia

Pola súa banda, a presidenta da comisión de Centros, Asunción Maus, amosou a súa “sorpresa” ante as declaracións do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, cando afirmou que a manifestación deste domingo “está baseada en manifestacións e datos equivocados”. Maus recalcou que “é obvio que o Conselleiro non está a pé de cama” e reiterou que vive “nun mundo ideal”.

Asunción Maus tamén ratificou todo o seu apoio ás traballadoras do servizo de limpeza “das cales somos coñecedores da súa situación dende que abriu o novo Hospital”, dixo.

Finalmente, anunciou que hai pequenos avances coas súas reclamacións: “A semana que vén imos reunirnos coa xerencia do CHUO para trasladar a reclamación do número de camas”. Pero reiterou que “a situación é a mesma aínda que vai mellorando en canto ao número de camas liberadas”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button