Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG pide axudas directas polos efectos da seca e os lumes no oriente ourensán

Catro deputados galegos da formación nacionalista visitaban Baños de Molgas, A Mezquita e Viana do Bolo na xornada do 23 de outubro

Primeiro en Baños de Molgas, despois na Mezquita e, finalmente en Viana do Bolo. Unha delegación do BNG da que formaban parte deputados e deputadas das catro provincias galegas (Noa Presas, Olalla Rodil, Xosé Luís Rivas e Luís Bará) visitaba ao longo do día 23 de outubro estres tres concellos ourensáns afectados polos lumes de hai unha semana. Nestas visitas mantiñan encontros cos representantes municipais co fin de avaliar a xestión da recente vaga de lumes nestas localidades, así como as súas consecuencias e danos. Ademais os deputados abordaban con eles un paquete de propostas de actuación cara o futuro.

Esta viaxe finalizaba pola tarde en Viana do Bolo. Neste concello e eran recibidos por membros da corporación vianesa, entre eles o seu alcalde, Secundino Fernández, así como os dous tenentes de alcalde, Santiago Barja e Juan Antonio Alfonso, ademais de por membros do BNG da zona. No seu percorrido comprobaban os graves problemas que a seca está xerando nesta zona a agricultores, gandeiros e apicultores.

“Os lumes dos últimos días agravaron unha situación pola que xa tiñamos moita preocupación. Viñemos tanto para ver sobre o territorio como son as consecuencias e que erros houbo na xestión e as cuestión que temos que levar para que a Xunta de Galicia as modifique”, explicaba a deputada ourensá Noa Presas en declaracións ao Periódico O Sil. E resaltaba que “na Mezquita e en Viana estamos especialmente preocupados por toda a situación de emerxencia da seca. No pleno do Parlamento galego da semana pasada presentamos unha iniciativa para medidas concretas como, por exemplo, que se dean axudas directas para comprar comida para o gando e para as colmeas e o PP votou en contra. Nós queremos seguir traballando este tema porque entendemos que o adianto da PAC é insuficiente. Ademais hai moitas lagoas para os novos agricultores”.

Presas destacaba a importancia de achegar axudas directas posto que “estamos nunha cincunstancia excepcional e hai que aplicar medidas excepcionais. O que non se pode facer é condear á xente dunha vila como Viana do Bolo, que está contradicindo todas as estatísticas e medrando en poboación infantil, a que teña que poñer un candado e marchar a traballar a outro lado”.

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button