En portadaEn Portada EntroidoGalerías de fotosÚltima hora

Boteiros, fulións e carrozas toman Viana do Bolo nun multitudinario Domingo Gordo

Este concello celebraba tamén a 50 edición da Festa da Androlla cun xantar no pavillón e nunha carpa instalada ao seu carón

O latexo do Entroido deixábase sentir de xeito especial neste Domingo Gordo en Viana do Bolo. A vila vivía o 23 de febreiro a xornada central desta tradición cun multitudinario desfile que partía do Toural e percorría o centro ata a praza Maior.

Nel participaban unha vintena de fulións, precididos polas carreiras dos Boteiros. Así desfilaban os fulións do Tameirón (A Gudiña), A Veiga, Quintela do Pando (Viana do Bolo), Os Labregos de Trives, o de Buxán (O Bolo), Fornelos de Cova, Cabo da Vila, Grixoa, Punxeiro, Quintela de Edroso, As Carrelas, Bembibre, Santa Mariña, Penouta-Ramilo, Vilarmeao e Fornelo de Filloás, e o Alternativo, todos eles vianeses. Por vez primeira participaba a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e o desfile pechábao o ritmo do fulión de Fradelo (Viana).

Tamén podían verse carrozas de Dradelo, Vilaseco e do fulión Alternativo. E por suposto non faltaba a tradicional mascarada da Mula e do Maragato.

 

O alcalde de Viana do Bolo coa directora de Turismo de Galicia e dous Boteiros./ Foto cedida.

 

Despois do desfile dábase paso a Festa da Androlla que este ano cumpría o seu 50 aniversario. O Entroido de Viana do Bolo está declarado festa de interese turístico galego.

Fotos: Javier Brasa.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-desfile-do-domingo-gordo-en-viana-do-bolo-en-fotos/
https://osil.info/a-festa-da-androlla-de-viana-do-bolo-cumpre-medio-seculo-cun-cheo-absoluto/
https://osil.info/a-50a-festa-da-androlla-de-viana-do-bolo-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button