ConcellosEn portadaEntroido 2024Última hora

Buxán (O Bolo) recibe a visita dos Fulións Rurais de Viana e da A. Xuntos polo Fulión de Vilariño

 

Pese á chuvia e o frío, o Entroido tradicional arranca con forza no oriente ourensán. E, como mostra, a esperada visita que esta tarde recibían os veciños de Buxán (O Bolo) dos membros dos Fulións Rurais de Viana do Bolo e da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso para tocar polas súas rúas.

Chegaban a esta localidade coa intención de comezar unha ronda aí polas oito da tarde, pero a chuvia, retrasaba o inicio. Non era ata as oito e media cando o son da corna daba o sinal e cobraba vida o fulión de Buxán, ao ritmo de bombos e gadañas. Abrían unha ronda, á que logo se sumaban os fulións de Viana e de Vilariño, deixando unha ampla separación entre eles para evitar que interferisen os toque, pois cada un ten un son identificativo e único.

 

 

Entre tanto, un grupo de veciños de Buxán afanábase no local do pobo para ultimar os preparativos dunha cea (na que non faltarán o xamón asado, os chourizos cocidos, outro tipo de embutidos e queixo) coa que agasallarán aos fulións visitantes nesta noite.

Esta visita será devolta por Buxán en vindeiras datas tanto a Vilariño como a Viana, cumprindo así coa tradición.

Fotos: Carlos G. Hervella.

A ronda nocturna de fulións por Buxán (O Bolo), en vídeos

 

 

Artigos relacionados

Back to top button