CulturaEducaciónÚltima hora

“Bye, bye plástico”, unha campaña para concienciar sobre o exceso deste material

A iniciativa destaca que a sociedade está a plastificar o mar, xa que un 80% dos residuos proceden da terra e o máis abundante é o plástico, e incide na necesidade de depositar as máscaras e luvas no contedor verde xenérico

 

Esta mañá vén de presentarse a campaña “Bye, bye plástico”, unha iniciativa coa que a Xunta pretende “dar visibilidade ao problema medioambiental que supón o consumo excesivo de plásticos e a súa chegada ao mar así como concienciar á cidadanía co obxectivo de crear unha comunidade activa e implicada na loita contra estes residuos e na defensa dun futuro ambiental sustentable”.

A iniciativa márcase estas metas coa finalidade de contribuír a frear datos preocupantes como que nos últimos dez anos se produciu en todo o mundo máis plástico que en toda a historia da humanidade ou que nove millóns de toneladas de residuos plásticos -dos que un 80% proceden de terra- acaban cada ano nos océanos do planeta. Uns residuos que poden tardar varios séculos en degradarse e desaparecer e que xa provocaron a formación de cinco illas xigantes de plástico nos nosos océanos, unha delas 50 veces máis grande que Galicia.

Baixo o lema Bye, bye plástico. Non é por ti, é por nós e protagonizada por nenos, a campaña busca viralizar a mensaxe nas redes sociais -a través de Facebook, Twitter e Instagram- e fomentar a participación da poboación mediante un discurso positivo e consellos prácticos arredor da importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos ao tempo que se desbotan os residuos de xeito responsable.

Durante a presentación da campaña, a conselleira de Medio Ambiente en funcións, Ángeles Vázquez, aproveitou para recordar a necesidade de depositar no contedor verde xenérico as máscaras e as luvas, que por mor da covid-19 son indispensables no día a día. “Un residuo que empeza a constituír un novo problema para o benestar do planeta e que xa comeza a estar presente nos mares, unha situación que se debe frear”, recalcou.

A conselleira de Mar en funcións, Rosa Quintana, pola súa banda, apelou ao compromiso de todos, tanto dos máis novos como dos maiores, en favor dun comportamento cívico que permita preservar o medio ambiente e os recursos naturais, fundamentais para o benestar da sociedade. Nesa liña, lembrou que o mar é unha fonte de riqueza para Galicia e incidiu en que a protección dos seus recursos, evitando que o lixo chegue ao mar, é fundamental para a subsistencia de milleiros de familias das vilas costeiras galegas.

Artigos relacionados

Back to top button