Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Caballero pide abrir un “novo ciclo” dentro do PSdeG

Os socialistas celebran en Santiago o seu XIII Congreso Nacional Galego coa presenza duns 500 delegados, entre os que figuran un grupo de Valdeorras

Na súa primeira intervención como secretario xeral do PSdeG-PSOE, logo de ser proclamado no cargo o 28 de outubro no XIII Congreso dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero pedía abrir “un novo ciclo” no partido no que “todos somos necesarios”. Un ciclo, dixo, caracterizado pola “renovación en base á nosa mellor historia”.

O Congreso comezaba hoxe coa participación de case 500 delegados e delegadas do PSdeG, entre os que están un grupo de valdeorreses. Ademais unha das delegadas valdeorresas, Ofelia Puente, forma parte da Mesa do Congreso, que se constituía durante a mañá.

 

Gonzalo Caballero, durante o seu discurso, xunto á Mesa do Congreso, da que forma parte a valdeorresa Ofelia Puente.

Tras a súa proclamación como secretario xeral, Cabalero aseguraba acceder a esta nova responsabilidade para conformar un “proxecto galego e galeguista” con vocación de liderar a alternativa de progreso ao PP en Galicia. Auguraba unha “nova etapa electoral” que recolla os froitos do traballo do “exército que conforma a militancia de base, que ninguén poderá parar para encetar unha nova etapa de esquerda” na comunidade galega.

Apostaba tamén por aglutinar a “necesidade de cambio de centos de milleiros de galegos” e presentábase como “un instrumento político” para conseguir un “futuro presidente socialista na Xunta liderando un goberno de progreso”. Aludiu neste sentido á base que ofrecen as “dúas mellores etapas de Galicia, representadas por gobernos socialistas” liderados por Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, presentes tamén neste encontro, que se celebra no Pazo de Congresos de Santiago.

O secretario xeral do PSedeG encetaba unha rolda de intervencións que concluía o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, quen aludía aos valores de “solidariedade e respecto” defendidos polos socialistas.

Tamén tomaba a palabra o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, quen apelou á “unidade e cohesión” como elemento imprescindible para artellar unha alternativa que leve “máis cedo que tarde de novo un presidente socialista á Xunta de Galicia”. Sinalaba a “valentía e capacidade” do novo secretario xeral, que foi quén de “abrir unha porta á esperanza e ao futuro do socialismo galego” apoiado nos militantes que son, dixo, “a forza, o motor e o corazón do partido”.

O primeiro presidente do goberno galego do PSdeG, Fernando González Laxe, chamou a artellar un proxecto que “conxugue reivindicación coa alternativa de goberno” que sirva de “guía para os galegos e as galegas”. Mentres que a primeira muller presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, puxo en valor as primarias que lle deron a Gonzalo Caballero a responsabilidade de dirixir o PSdeG, “como antes fixeron con Pedro Sánchez no PSOE”.

Neste congreso tamén interviñan nesta primeira xornada o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, os secretarios dos sindicatos de CC.OO. Galicia e UGT Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, e foi emitido un video de saúdo enviado por Josep Borrell.

Artigos relacionados

Back to top button