CulturaCulturaÚltima hora

Caracterízanse as pinturas rupestres prehistóricas do Penedo Gordo (Vilardevós)

O traballo ten sido realizado por un equipo multidisciplinar formado por investigadores de Historia, Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial das Universidades de Vigo e Coimbra

Publicidade
Membros do equipo durante os traballos realizados no propio xacemento./ Foto: Duvi.

 

Diferentes coloracións nos motivos, diversas composicións nas materias primas empregadas e, alomenos, dúas fases ou períodos de execución. Son algunhas das conclusións da caracterización das pinturas rupestres de estilo esquemático atopadas no 2017 no xacemento arqueolóxico ourensán de Penedo Gordo (Vilardevós) e vinculadas a restos arqueolóxicos inseribles nun período entre o Neolítico medio e o Neolítico final.

Un equipo de investigación multidisciplinar das universidades de Vigo e Coimbra (Portugal) vén traballando dende entón no estudo destes vestixios “excepcionais”. Unha das súas liñas de traballo  foi deseñar e pór en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, combinando técnicas analíticas in situ e de laboratorio. Neste labor, no que tamén se contou coa participación de investigadores de Historia, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial, descubriron unha pinga de pigmento vermello preservada nunha capa arqueolóxica asociada a restos materiais do Neolítico final/Idade do Cobre.

O estudo que recolle esta caracterización foi publicado recentemente na revista Minerals nun artigo titulado Methodological Approach (In Situ and Laboratory) for the Characterisation of Late Prehistoric Rock Paintings-Penedo Gordo (NW Spain), tal e como informa a Universidade de Vigo. Nel participaron por parte da Universidade de Vigo José Santiago Pozo (Grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais-GESSMin e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía); Beatriz Comendador (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio-GEAAT e Facultade de Historia) e Pablo Barreiro (Grupo Novos Materiais e Escola de Enxeñaría Industrial). Completou o equipo Lara Bacelar Alves, do Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra.
Tres fases e o achado dunha pinga de pintura sobre terra

O proxecto de investigación arredor das pinturas de Penedo Gordo, financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, permitiu identificar posibles materiais colorantes. “Estas pinturas atópanse sobre un afloramento cuarcítico moi heteroxéneo en composición e cromaticidade. Foron identificados dous paneis con pinturas rupestres no sector oeste e tres no sector norte. En conxunto atopáronse puntos dixitados de contorna ovalada, antropomorfos e motivos xeométricos”, explican as e os investigadores.

Os resultados in situ, recolle o estudo publicado, permitiron identificar diferentes coloracións nos motivos que foron relacionadas coas diferentes composicións identificadas no propio lugar con espectroscopía Raman; tonalidades máis vermellizas para os motivos nos cales se identificou hematite como pigmento e tonalidades máis alaranxadas cando se identificou goetita. “Isto corroborou os resultados do estudo arqueolóxico das técnicas e morfoloxía das pinturas que suxerían a existencia de polo menos dúas fases ou períodos de execución”, indican as e os responsables do traballo. A analítica, apuntan, “demostrou que efectivamente as pinturas foron realizadas con diferentes materias primas aínda que algunhas delas están no mesmo panel”.

 

Imaxe das pinturas rupestres./ Foto: Duvi.

 

Con respecto aos resultados obtidos en laboratorio, o equipo das universidades de Vigo e Coimbra destaca que “é salientable o feito de que na gota perfectamente preservada foi identificada hematita como material colorante e ademais presentou materia orgánica que estará relacionada coa existencia dun aglutinante que se empregaría para darlle ao pigmento a consistencia de pintura necesaria para esvarar sobre a parede”. A presencia de hematite nas mostras recollidas como materiais colorantes, comentan, “permite indicar que calquera deles podería ser empregado como colorante da superficie tras un proceso mecánico de esmagamento”.

Artigos relacionados

Back to top button