CulturaCulturaÚltima hora

Aprázase a presentación do novo libro de Xosé Carlos Caneiro en Verín

Estaba previsto que se presentase no Auditorio o 22 de decembro, pero o acto tivo que ser cancelado por motivos persoais do autor

Foto: Concello de Verín.

 

O Concello de Verín vén de anunciar que se apraza a presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato de variadas historias cun eixo común: esta vila. O autor estará acompañado por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde de Verín; e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en directo.

Este acto estaba previsto que se celebrase na tarde do 22 de decembro no Auditorío de Verín, pero tivo que ser cancelado por motivos persoais do autor.

“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.

Dende Conmar Editora din que “nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas. Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura deste novo libro”.

Esta obra toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca) para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

O xurdir de Conmar Editora

Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.

“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria, ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.

O autor

Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Xeografía e Historia, Xosé Carlos Caneiro é asesor do Centro de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Profesor do curso “Arte da Ficción e Creación Literaria” da Universidade de Vigo. Vicepresidente de Afundación, Obra Social de Abanca.

Comezou a publicar no ano 1984. É autor de trinta e oito libros, ademais de numerosas obras colectivas e antoloxías, traducións, conferencias, cursos e artigos periodísticos. “Un xogo de apócrifos”, “Ébora” ou “Ámote” son tres das súas novelas. Escribiu tamén a biografía Jorge Luís Borges e outros ensaios sobre literatura novelista valeulle os premios Nacional da Crítica, Xerais, Blanco Amor, Torrente Ballester, Eixo Atlántico, García Barros, Lueiro Rey, Risco, etcétera, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Actúa habitualmente co cantautor Emilio Rúa en espectáculos poético-musicais. A súa obra está taducida a varios idiomas.

Artigos relacionados

Back to top button