ConcellosEconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Castro Caldelas celebrará o 2 de marzo a primeira Feira de Gando Vacún do 2024

Búscase estimular aos gandeiros para que crien e conserven as razas autóctonas e amosar a incorporación de xente nova ao sector na zona, tal e como destaca o Concello

Imaxe das feiras de gando de Castro Caldelas no 2023./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Castro Caldelas mantén a súa aposta pola promoción da gandeiría de vacún da zona. Neste senso vén de anunciar que o vindeiro 2 de marzo se celebrará unha nova feira de gando no Toural, que será a primeira deste ano 2024, unha iniciativa que “nos permita poñer en valor e axudar nestes momentos difíciles para o campo galego co obxecto de premiar o esforzo e iniciativa á hora de contar cun gando de excelentes cualidades e con diferentes razas nesta comarca de montaña, facilitar as transaccións económicas de venda das súas reses entre os propios gandeiros e tratantes e o intercambio de experiencias entre os produtores para axudar a implatación de gando autóctono, cada vez con máis futuro dada a gran calidade dos nosos pastos e praderías”, destaca a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

Outros das pretensións destas mostras é “situar á gandería no lugar que cremos que debe ocupar como motor económico e de loita contra o abandono do campo, a loita contra os lumes e o relevo xeracional. Asemade debemos potenciar ao máximo a comercialización e distribución destes produtos, base primordial da economía da nosa comarca contando coas institucións públicas”, engade a rexedora caldelá.

Á feira do vindeiro 2 de marzo poderá concorrer gando da zona, pero tamén doutras partes de Galicia e de fóra “con igual situación sanitaria. O gando sería exposto nas instalacións existentes previa limpeza, desinfección e desinsección. Así mesmo para celebrar a feira contaríamos co Centro de Desinfección de Castro Caldelas, contando durante todo o proceso con persoal responsable cualificado. Para elo estará á disposición dos gandeiros este centro aberto o 1 de marzo de 16h. a 19h. para desinfección traendo o vehículo lavado e o 2 de marzo a partir ds 9h. para lavado e desinfección”, segundo o Concello de Castro Caldelas, que matiza que “os produtos desinfectantes e desinsectantes, así como os procentos son a cargo do Concello”.

Como en anteriores ocasións, como complemento da feira haberá zona de xantar con pulpeira e unha empresa de comidas, cun menú a base de empanada, churrasco ou carne ao caldeiro, sobremesa, bebida, café e chupito cun custo de 18 euros.

 

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O calendario de feiras o 2024

O Concello de Castro Caldelas tamén informa de que o calendario de feiras para este ano, acordado cos gandeiros da zona o pasado verán nunha reunión comarcal co sector, é o seguinte: 2 de marzo, 3 de agosto e 11 de setembro coa XXVII Feira-Concurso Exposición de Gando Vacún.

“Esta primeira feira do 2024 pretende animar e estimular aos gandeiros para que crien e conserven as razas autóctonas, como a Caldelá e a Vianesa, arraigadas desde sempre nesta comarca, así como mostrar a expansión acadada en toda esta zona coas incorporacións de xente moza ao mundo agrario. E, sobre todo, facer renacer e continuar o interese desta comarca pola creación de explotacións gandeiras modernas e evolucionadas, racionais e produtivas”, sinala Sara Inés Vega, que ademais anima aos tratantes a “acudir a realizar transaccións cos gandeiros”.

 

Artigos relacionados

Back to top button