OurenseÚltima hora

Catro concellos únense para recuperar a ruta dos zapateiros entre Vilanova e Allariz

O vindeiro 21 de outubro unha andaina popular completará os 17 quilómetros dese traxecto entre Vilanova dos Infantes e Allariz, organizada pola Asociación de Veciños Gutier Menéndez, en colaboración cos concellos de Allariz, A Bola, A Merca e Celanova, entre outras entidades

A Ruta dos Zapateiros, unha andaina popular que completará 17 quilómetros entre Vilanova dos Infantes e Allariz o sábado 21 de outubro, organizada pola Asociación de Veciños Gutier Menéndez, en colaboración cos concellos de Allariz, A Bola, A Merca e Celanova, entre outras entidades, ten como obxectivo “a recuperación etnográfica dun camiño que foi o fío entre a actividade dos artesáns de Vilanova e a industria do coiro en Allariz”.

A primeira edición da andaina será presentada oficialmente nun acto o próximo mércores, 11 de outubro, no Centro de Interpretación dos Zapateiros de Vilanova dos Infantes, coa presenza das alcaldesas e alcaldes dos catro concellos polos que transcorre a ruta.

Inscricións

As inscricións para poderá participar nesta ruta están abertas e pódense realizar nos establecementos Pungín Sports e Deportes Núñez Enríquez, en Celanova; Deportes Anxiños, en Allariz; e no Teleclub de Vilanova, o local social da asociación de veciños. Tamén, a través dun número de contabancaria: ES7821005899070200126347. O prezo é de 5 euros.

Características

A andaina arrancará ás 9 da mañá do 21 de outubro desde o Centro de Interpretación dos Zapateiros de Vilanova dos Infantes para cubrir un traxecto de 17 quilómetros até o Museo do Coiro de Allariz, cunha duración aproximada de catro horas e unha dificultade media, cunha cota máis baixa ao redor dos 400 metros (no paso polo río Ourille) e a máis alta un pouco por riba dos 600 metros.

O percorrido

A ruta parte de Vilanova cara o leste, baixando pola Coutada e cruzando o Ourille cara as pistas da parcelaria do val ata alcanzar Alvarín; e continuando en dirección noroeste até Oxén; e despois cara a Fontao, xa no concello da Merca, atravesando a cota máis alta para chegar a Magarelos, no concello de Allariz; e baixar despois cara o Arnoia; e seguindo pola marxe esquerda para cruzar o río xa en Allariz. Na organización colaboran tamén o Club Pato Blanco de atletismo e a Asociación Silva Escura, ambas de Celanova, a asociación de sendeirismo A Broa, da Merca, así como a Deputación Provincial de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button