O Concello de Ourense presentou hoxe, 28 de abril, o “Piano Meeting”, unha actividade que encherá de música de piano a finais do mes de setembro. De 12:00 a 20:00 horas, catro pianos emprazados nas Burgas, o Xardín do Posío, o Parque de San Lázaro e a Praza Maior, serán tocados sen descanso por 60 pianistas, profesionais ou afeccionados, rematando cun gran concerto final na Praza Maior. Ademais de certames coma o Pórtico do Paraíso, o Ciclo de lírica ou o Enclave de Cámara, “agora queremos sacar a música ás rúas, e que mellor que un piano para visibilizar esta aposta”, afirmaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación na Praza Maior.
Organizado conxuntamente polo Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e Viaqua, o Piano Meeting “quere converter Ourense no maior auditorio ao aire libre”, en palabras de Javier Otero Neira, director artístico do Piano Meeting. O evento vai dirixido non só a pianistas solistas, senón tamén a agrupacións que teñan como membro principal ao piano, grupos de cámara con piano, combos de jazz con piano, canto e piano, etc. E, sobre todo, a todos cantos espontáneos se animen a tocar durante ese día.
Concurso e obradoiros
Os participantes neste “Piano Meeting” sairán dun concurso no que se deberán inscribir todos aqueles pianistas que queiran participar de xeito profesional. A partir de aí, escolleranse 20 persoas, que terán media hora reservada para tocar no festival. As bases do concurso, no que haberá premios de 1.000 e 500 euros, están xa a disposición de todos o mundo na páxina web do evento (o prazo é até o 30 de maio).
Asemade, o “Piano Meeting” contará con obradoiros para neófitos do piano, nos que recibirán unha breve clase para conseguir tocar algo no momento. Haberá oportunidade para que a xente da rúa, con coñecementos suficientes para tocar o piano, participe e poida apuntarse.