Con moi bos resultados volvían esta fin de semana os orientadores do Club Peña Trevinca Barco de Pontedeume (A Coruña), onde se disputaba a 7ª proba da Liga Galega de Orientación a Pé e a 2ª proba do Campionato Galego de Orientación Sprint.
Pola mañá celebrábase a proba no Monte Breamo, nas inmediacións da igrexa de San Miguel, sobre un mapa de desnivel medio e limitadas opcións de elección de carreira debido á abundante e espesa vexetación que dificultaba a velocidade de carreira, tal como explican dende o club barquense, adiantando que os resultados máis destacados dos seus orientadores foron os primeiros postos de Mailén Aller Pfirter en F16 e Remedios Durán Pernas en F21B e o 3º de Montserrat Marinas Rojo en F45.
A sesión de tarde disputábase no mapa urbano do concello de Pontedeume, nun labirinto de rueiros empinados que esixiron máxima concentración aos orientadores. Nesta proba os mellores resultados par o Peña Trevinca Barco eran o 1º posto de Mailén Aller en F16, o 3º de Martina Aller en F12 e o 4º de Pablo Aller Estévez en M50.
Coa proba de Pontedeume finalizaba a Liga Sprint 2021 sendo o cómputo final barquense: Martina Aller Pfirter, 3ª en F12; Mailén Aller Pfirter, 1ª en F16; Montserrat Marinas Rojo, 4ª en F45; Francisco Camba Rodríguez, 2º en M45; e Pablo Aller Estévez, 2º en M50.
Fotos: María Piñeiro.