SanidadeÚltima hora

Celsa Perdiz nomeada xefa do Servizo de Traballo Social da área sanitaria ourensá

Está vencellada ao Servizo Galego de Saúde de Ourense desde a súa integración en 1984 do equipo do Centro de Orientación Familiar (COF)

 

O Diario Oficial de Galicia recolle o nomeamento de Celsa Perdiz Álvarez como xefa do Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, ao que está vencellada desde 1984, ano no que participou na posta en marcha do Centro de Orientación Familiar de Ourense (COF), dispositivo de Atención Primaria pioneiro no que segue exercendo, asumindo desde 2017 a coordinación deste servizo na provincia.

Sanidade explica que co seu nomeamento”faise oficial a responsabilidade que viña asumindo ao fronte do Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, do que forman parte vintedous profesionais, desde os hospitais e os servizos de atención primaria, que desenvolven unha labor imprescindible para a xestión da complexidade sanitaria, coa procura de solucións, mais alá da atención á enfermidade, co fin axudar, empoderar e orientar aos pacientes e aos seus achegados a resolver as súas dificultade”.

Doutora en Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo, Celsa Perdiz é Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Salamanca, e Asistente Social pola Escola de Traballo Social, ademais de Licenciada en Psicoloxía, na especialidade Social, pola Universidade de Santiago de Compostela; sendo profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, desde 1995, participando tamén como relatora en numerosos cursos e poñencias.

A nova responsable ten unha ampla experiencia profesional e investigadora no eido da orientación familiar e a sexoloxía, participando en numerosos proxectos de investigación e ensaios clínicos e publicacións.

“O Servizo de Traballo Social dos centros sanitarios públicos asumiu neste bienio de pandemia un intensísimo traballo nos hospitais e residencias integradas, de coordinación coas residencias sociosanitarias e igualmente desde os centros de saúde dando resposta, detectando e avaliando situacións de vulnerabilidade e fraxilidade, sempre en coordinación co resto de axentes sociais e as institucións locais e autonómicas”, sinalan dende a Consellería de Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button