PolíticaÚltima hora

Cesáreo Ramos, candidato socialista á alcaldía de Carballeda de Valdeorras

Cesáreo Ramos, candidato socialista á alcaldía de Carballeda de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O PSdeG-PSOE renova ao seu candidato á alcaldía de Carballeda de Valdeorras de cara ós comicios electorais do vindeiro 28 de maio. Cesáreo Ramos Gómez, actual concelleiro da corporación, asume o reto de encabezar a lista dos socialistas co obxectivo de que “o municipio creza” e de que os veciños e veciñas “vivamos mellor”. O candidato socialista di que en Carballeda de Valdeorras “falta moito por facer” e destaca como obxectivos claros “a mellora das vías de comunicación e infraestruturas e o aumento dos servizos que se prestan a nivel municipal”.

O actual concelleiro socialista pon de manifesto que “son un veciño máis deste marabilloso concello, que decidiu seguir loitando, porque creo que unha forma de xestión municipal diferente é posible”. Neste senso apunta a que “temos que conseguir un concello máis transparente, no que a veciñanza participe e no que se traballe polos intereses de todos e non só duns poucos”.

Cesáreo Ramos tamén fai fincapé que un dos obxectivos primordiais “é recuperar a forma de ser dos núcleos de poboación, coa mellora da participación cidadán, escoitando a veciñanza, dando respostas e buscando xuntos solucións para conseguir un mellor desenvolvemento e progreso para a nosa terra”. O candidato socialista apunta que “ofrezo o meu compromiso, traballo, dedicación e esforzo para conseguir que o noso municipio prospere e medre”.

Artigos relacionados

Back to top button