CulturaCulturaÚltima hora

Chegan a Compostela os deportistas valdeorreses que apostan polo Camiño de Inverno

 

Na mañá do domingo 19 de xuño, o grupo de peregrinos valdeorreses que comezaban o Camiño de Inverno en outubro do ano pasado, chegaban a Santiago de Compostela. Foron varios meses de ruta por etapas (un domingo ao mes) e o que comezaba como un proxecto basicamente deportivo acabou collendo un carácter social e incluso relixioso.

A iniciativa partía de André Faria, licenciado en Ciencias do Deporte e xerente de AF Training coa idea de darlle aos seus deportistas todas as ferramentas necesarias para iniciar o Camino. De feito, nun principio o proxecto contemplaba unicamente as etapas que discorren pola comarca de Valdeorras co obxectivo de “fomentar a actividade física e o ocio activo entre os clientes de AF Training, ademais de dar difusión ao Camiño Xacobeo de Inverno”, pero a ilusión da xente que quería completalo e chegar ata Santiago foi transformando o grupo e finalmente decidían seguir xuntos e facer as etapas máis longas para poder acabar antes do verán.

 

O grupo de peregrinos durante na última etapa do Camiño de Inverno.

 

Comezaban o 24 de outubro de 2021 entre Puente de Domingo Flórez e O Barco, e o 14 de novembro facían a etapa O Barco-Albaredos. En decembro completaban os case 40 km entre Albaredos e Quiroga; e xa neste 2022, en xaneiro facían Quiroga-Monforte; en febreiro Monforte-Chantada; en marzo, Chantada-Rodeiro; en abril Rodeiro-Silleda, e en xuño Silleda-Santiago. A idea era rematar en maio pero por motivos persoais André no pudo ata este mes de xuño e tal como el mesmo explica, esta última etapa era de 40 km pero o grupo decidía “facer noite o sábado para o domingo facer a entrada de 10 km a Santiago e poder desfrutar da Misa do Peregrino”, puntualiza André, recoñecendo que levou  unha desilusión porque “o botafumeiro só o poñen en marcha se teñen unha donación previa de entre 600 e 1.000 euros”, di.

Esa non foi a única desilusión que sufríu o grupo durante a ruta, á que lle falta moito por desenvolver. “Cando comezamos estabamos moi ilusionados porque parecía moi ben preparada pero unha vez completada démonos conta de que o tramo de Valdeorras é realmente o que máis se preocupou polo Camiño de Inverno e unha vez pasado Albaredos na Rúa falta investir un pouco máis tanto en comercio, como en infraestrutura e desbroce de certos tramos”, di Andrés, asegurando orgulloso pola parte que lle toca que “Valdeorras é a mellor sinalizada, a que máis paneis informativos ten e a que máis limpa está. Ademais en Sobradelo xa hai onde durmir, comer e selar a credencial, no Barco igual e na Rúa tamén, pero unha vez que deixas A Rúa non hai nada ata chegar a Quiroga e o pouco que hai contesta que abrirán pero no verán. Cando comezamos, de cara ao inverno, foi cando a Xunta lle deu moito bombo á ampliación do Ano Xacobeo outro ano e as sinais estaban moi visibles, pero agora atopámonos con que a vexetación creceu e iso non se volveu limpar”.

 

Chegada dos peregrinos a Compostela.

 

Así e todo, André recoñece que a experiencia foi moi positiva. “Creouse un grupo de amizade moi grande co que contaremos para máis eventos e a iniciativa colleu tamén un aspecto relixioso, por chegar á igrexa, de feito contratamos a un guía para que nolo explicara mellor e foi un acerto. Ao final o peregrino faise un día pero queda para sempre, cólleslle moito cariño ao Camiño”, asegura, destacando a riqueza das etapas que descorren pola comarca de Valdeorras. “Son preciosas. As mouteiras son de edición especial (de lousa) e hai moitas, ademais da paisaxe cunhas vistas espectaculares, só comparables quizais á baixada ao Belesar e a subida na Ribeira Sacra”, conclúe, esperando que a xente se anime a desfrutar do Camiño, “algo que temos en Galicia e debemos potenciar”.

Fotos cedidas.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button