EntrevistasÚltima hora

Christian Escuredo, un dos tres protagonistas do musical “Priscilla. Reina del desierto”

Este espectáculo estreábase o 2 de outubro no Teatro Alcalá de Madrid
O actor e cantante barquense Christian Escuredo./ Foto: Luis Malibrán.
O actor e cantante barquense Christian Escuredo./ Foto: Luis Malibrán.

 

Christian Escuredo emprende unha nova e apaixoante aventura musical. É un dos tres protagonistas de “Priscilla. Reina del desierto”, que se estrea o 2 de outubro no Nuevo Teatro Alcalá de Madrid. Trátase dun musical de gran formato producido por SOM Produce en asociación con Nullarbor Productions e MGM on Stage. A obra, baseada no filme do mesmo título, relata as peripecias de tres amigos que percorren Australia nun vello autobús chamado Priscilla e poñendo en escea un espectáculo “drag en busca do amor e da amizade”, no que botan man de 25 dos maiores éxitos da música disco. Serán case tres horas de representación cunhas vinte esceas diferentes, sorprendentes coreografías, 40 artistas, 500 traxes, 200 perrucas e un autobús de tamaño real.

Este será o teu segundo musical de gran formato, pero por primeira vez cun papel protagonista…
Para min é un paso moi importante que me deran un protagonista en Madrid. En Galicia como que confiaron moito en min e sempre me ofrecen personaxes interesantes. En Madrid, eu estaba moi contento por ter conseguido un personaxe en Sonrisas y lágrimas, era pequeniño, pero este círculo de teatro musical é moi esixente para poder entrar. Son producións de moito traballo, moitos días e entón ás veces nun casting non sabes se vas funcionar ou non, é unha aposta tamén. De súpeto, déronme un protagonista e ademais nun musical como este, con moitas esixencias xa non só físicas, senón vocais e interpretativas… e ademais supón construír un personaxe moi alleo á miña personalidade. Para min é un reto.

¿Como é Adam fronte aos outros dous protagonistas?
É o máis novo do grupo e é o que lle aporta máis vida á trama pola súa actitude de animar en todo momento aos outros dous. Móvese dende o plano máis impulsivo, mentres que Tick (Jaime Zatarain), que vai na procura do seu fillo, móvese máis dende o corazón, é máis emocional. E tamén lle fai moita graza meterse con Bernadette, o máis maior, e chámalle avoa. A verdade é que Adam está moi lonxe do que son eu. Xa fisicamente tiven que traballar moito para parecerme a el e logo a súa actitude… Eu son unha persoa moi mental, quero ter as cousas claras, e el aprende a base de golpes… Pero quizais sexa o que máis aprenda dos tres nesa viaxe, os demais fanlle madurar dalgunha maneira e ver o mundo dende outra perspectiva. Penso que aporta un toque de comidade e de contrapunto co personaxe máis maior, que ese si que é mental. Teñen un comportamento moi aberto, con formas moi esaxeradas.

E logo está a banda sonora…
Hai temas de Gloria Gaynord, Madonna, Donna Summer… un pouco de todo. Algúns deles permiten avanzar na historia e tradúcense ao castelán, e outros non aportan nada ao progreso da trama, e están en inglés, forman parte dun espectáculo que eles fan. De feito interprétanse, sobre todo os meus, dunha maneira moi videoclipeira.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button