SanidadeÚltima hora

O CHUO iniciará a vindeira semana o traslado de pacientes ao novo edificio de Hospitalización

O primeiro paso será o traslado dunha unidade de medicina interna que permitirá testar o funcionamento dos circuítos internos
Novo edificio de hospitalización do CHUO.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) vai comezar “a vindeira semana” co traslado de pacientes ao novo Edificio de Hospitalización. Esta noticia vén xa que o Concello de Ourense concedeulle a licenza de apertura desta nova instalación ao Sergas.

Dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras aseguran que xa teñen todos os preparativos para o traslado de pacientes. De acordo co mesmo operativo previsto, o primeiro paso será o traslado dunha unidade de medicina interna, “que permitirá testar o funcionamento dos circuítos internos” (circulación de pacientes, lencería, comidas, farmacia etc.), dixeron dende o CHUO.

Este primeiro traslado, tras culminar cun período de rodaxe, permitirá proceder ao traslado do resto de pacientes previstos, de acordo ao plano establecido polo Comité de Traslados, no que participan profesionais das distintas categorías profesionais e niveis de responsabilidade, en plena coordinación cos distintos servizos e dirección do complexo.

A ampliación permitirá redistribuír os servizos internamente, centralizando a hospitalización nun único núcleo; redefinir o papel do Sta. María Nai como centro neurálxico de consultas externas e probas ambulatorias, e recuperar o carácter do Materno-Infantil, que se adicará en exclusiva á atención obstétrica e pediátrica.

Máis información sobre a concesión da licencia por parte do Concello, na seguinte ligazón:

O Concello de Ourense concede a licencia de apertura ao novo hospital

Artigos relacionados

Back to top button