Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

O CHUO porá en marcha o novo edificio de Hospitalización no mes de outubro

O traslado farase a finais de setembro e, tras iso, a Consellería dará prioridade á renovación do antigo edificio de hospitalización investindo 27 millóns de euros

Parece que á volta das vacacións os ourensáns xa terán á súa disponibilidade o novo edificio de Hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que arrancou a súa construción aló polo 2o14,  xa que estará operativo “a principios de outubro”. Así o anunciou hoxe, 1 de agosto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras realizar unha visita a esta nova unidade de Hospitalización de oito plantas e no que se investiron 41 millóns de euros.

O presidente estivo acompañado por persoal sanitario do CHUO, así como polo Xerente da Unidade de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Dionisio López Vellido; a ex-xerente ourensá, Eloína Núñez; o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almunia; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Deputación, Manuel Baltar e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outros.

O presidente do Goberno galego asegurou que esta non será a única renovación que se fará no Complexo ourensán. Feijóo pediulle ao Conselleiro de Sanidade que lle dese prioridade “á adxudicación do proxecto constructivo do antigo edificio de hospitalización para que estea listo este ano”. Neste senso, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almunia, explicou que, tras o traslado a este novo e edificio en setembro, as habitacións do antigo edifico de hospitalización pasarán de triples a dobres e logo “coa maior axilidade posible”, dixo Vázquez Almunia, faranse as reformas necesarias “para que a hospitalización sexa da mesma calidade en ambos os dous lugares” -tanto no novo edificio como no antergo-. Para iso, a Consellería vai licitar un total de 27 millóns de euros.

Esta nova unidade conta cunha superficie de 52.000 metros cadrados, “o que supón a mesma superficie que dous hospitais comarcais”, indicou Feijóo, e conta con 116 camas máis, o que supón que o CHUO disporá de 930 camas tras a apertura da unidade. Ao mesmo tempo, cada planta do novo hospital contará con salas para os familiares; cuartos con conexión a internet e pantallas para acceder á historia clínica do paciente, así como mobiliario adaptado.

O futuro está en Ourense

Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo indicou que o futuro da sanidade galega “comeza en Ourense”, xa que no CHUO implantaranse 24 proxectos piloto innovadores. Reiterou que este será “un centro punteiro deseñado ao abeiro dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050, que exportará innovación a todo o Servizo Galego de Saúde”.

En concreto, nas plantas seis e sete desta nova infraestrutura sanitaria situaranse dúas unidades de hospitalización experimental nas que as novas tecnoloxías aplicaranse á atención sanitaria como a domótica e o seguimento remoto. Asemade, incorporarán un sistema de dispensación automática de medicamentos e unha unidade de hospitalización domiciliaria virtual, na que os pacientes estarán hospitalizados nas súas propias casas “sen perder a calidade da asistencia”, asegurou o xefe do Executivo galego. Asemade, esta nova infraestrutura conta “co primeiro parque biosaudable de Galicia e un dos primeiros de España”, que está situado na última planta do novo edificio.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button