EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Comeza a vendima na D.O Ribeira Sacra en tres adegas, tras os primeiros controis de maduración

Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

A vendima 2024 na Denominación de Orixe Ribeira Sacra comeza de xeito progresivo e puntual en algunhas adegas, tal e como vén de informar o consello regulador. Dende o pasado 26 de agosto, os técnicos do Consello Regulador están a levar a cabo os primeiros controis de maduración nas cinco subzonas que compoñen a D.O.: Amandi, Chantada, Ribeiras do Sil, Ribeiras do Miño e Quiroga-Bibei.

Tras estes primeiros controis, tres adegas están listas para comezar a colleita de uvas dende o día de hoxe. Estas adegas son: Abadía da Cova, Adega Damm e Adega Salvadur. Este inicio, que comeza hoxe, 29 de agosto, e estenderase nos próximos días, débese a particularidades moi concretas dos terreos nos que se atopan estas viñas, onde as condicións climáticas e o estado de maduración da uva son óptimos. Porén, a maioría das adegas e viticultores da denominación de orixe esperarán a que as uvas acaden o punto de maduración ideal antes de iniciar a vendima.

Este é un inicio de vendima puntual por parte das tres adegas, posto que polo de agora non se levou a cabo a reunión do pleno do consello regulador que marca a data recomendada para o inicio oficial da vendima na D.O. Ribeira Sacra. “En todo caso, esta data estará marcada polo estado de maduración óptimo da uva, segundo indiquen os mencionados controis realizados polos técnicos do Consello Regulador”, matizan dende este organismo.

O consello regulador continuará a supervisar o desenvolvemento da vendima ao longo das próximas semanas, facilitando que se leve a cabo nas condicións óptimas. Cabe mencionar que este ano, é ata o de agora, non se rexistraron incidencias climáticas nin fitosanitarias significativas que afectasen ao viñedo.

Back to top button