EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Comeza o prodecemento de aprobación para desenvolver un polígono agroforestal en Freixido (Larouco)

Constará de 136 hectáreas cunhas 1.228 parcelas de 521 propietarios que se prevén destinar a produción vitivinícola e de castaña

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o acordo da Consellería do Medio Rural para iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de iniciativa pública que estará situado no concello ourensán de Larouco, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o polígono agroforestal de Freixido constará de 136 hectáreas cunhas 1.228 parcelas de 521 propietarios que se prevén destinar a produción vitivinícola e de castaña.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso, resolveu a conveniencia de iniciar dito procedemento.

O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas. Tamén prevé o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

“Cómpre sinalar que as causas polas que procede desenvolver este polígono de iniciativa pública é a existencia dunha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade”, segundo informa a Consellería do Medio Rural.

Os polígonos agroforestais son un dos instrumentos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta liña, desde a entrada en vigor desta norma -en maio de 2021- están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria unhas 10.000 hectáreas de terreo, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas desenvolvidas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Freixido (Larouco):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230403/AnuncioO90-290323-0001_es.pdf

Artigos relacionados

Back to top button