CarballedaConcellosÚltima hora

Comezan as obras de mellora na intersección da estrada OU-122 en Viladequinta (Carballeda)

A intervención supón un investimento de case 50.000 euros

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica OU-122 en Viladequinta, no concello de Carballeda de Valdeorras. Esta actuación, que supón un investimento autonómico de case 50.000 euros, desenvólvese entre o punto quilométrico 5+190 e o 5+550 e consiste na construción dunha intersección de cambio de sentido na marxe dereita da vía á altura do punto quilométrico 5+300.

Esta intersección permitirá que os vehículos que discorran polo treito comprendido entre os núcleos de Viladequinta e O Trigal poidan realizar a manobra de cambio de sentido en condicións seguras. Actualmente, ao comezo deste treito, a estrada conta con dous carrís de 3,50 metros de anchura e beiravías de 1,20 metros, iniciándose, no contorno do punto quilométrico 5+300 un terceiro carril para vehículos lentos.

Mediante estas obras aproveitarase a anchura total da calzada para crear un carril central de espera; e ampliarase a plataforma actual da estrada cara á marxe dereita, mantendo a rasante e dando continuidade á rodadura existente, para executar a intersección con todos os seus elementos.

O carril central de espera terá 3 metros de ancho, con cuñas de transición de entrada e saída de 60 metros de lonxitude e unha zona de almacenamento e espera de 15 metros.

O carril de xiro consistirá nun semianel de 6 metros de anchura, situado entre dúas cuñas de aceleración e deceleración de 60 metros de lonxitude cada unha. O semianel terá unha beiravía de 1,50 metros delimitada por un bordo remontable.

Unha vez superada a intersección, iniciarase un carril para vehículos rápidos, cambiando o carril de vehículos lentos actual, para o que que se disporá unha cuña de transición de 60 metros.

A Xunta segue traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas vías cómodas e seguras.

Artigos relacionados

Back to top button