ConcellosParada de SilÚltima hora

¿Como se pode visitar o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil neste verán?

Para poder achegarse ata el do 1 de xulo ao 17 de setembro funcionará o Servizo de bus-lanzadeira dende Parada de Sil, non se permite o acceso en vehículo privado

Bus-Lanzadeira ao Mosteiro de Santa Cristina (Parada de Sil).

 

Este verán 2023, entre o 1 de xulo e o 17 de setembro, funcionará o Servizo de bus-lanzadeira para visitar o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil. Hai que ter en conta que non está permitido baixar en vehículo privado e a motor ata este monumento nestas datas de verán, é obrigatorio facelo no bus- lanzadeira.

Deste xeito, Parada de Sil é o único municipio con bus lanzadeira a un BIC na provincia de Ourense, “unha aposta clara por un turismo sostible”, destacan dende o Concello. Así, este servizo nace para coidar ao máximo a contorna do mosteiro, para regular o tráfico intenso na estrada que baixa ao mesmo e para dar unha maior calidade de servizo na visita aos recursos turísticos de Parada de Sil.

Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural de gran extensión, fráxil, con recursos dispersos, e asentado sobre unha topografía complexa. “Coa pretensión de minimizar os problemas de conxestión e estacionamento en determinados puntos e así mellorar a experiencia dos nosos visitantes, poñemos este servizo á súa disposición e solicitamos que fagan uso do mesmo”, din dende o Concello.

O servizo funcionará do seguinte xeito: hai habilitados 3 aparcamentos gratuítos no centro de Parada de Sil para que os visitantes deixen o seu vehículo perfectamente estacionado. O punto de saída do bus-lanzadeira será diante da Oficina de Turismo no edificio do Concello. O regreso do bus-lanzadeira terá a súa parada no centro de Parada de Sil.

Será necesario comprar as entradas con anterioridade por internet na web: https://turismo.ribeirasacra.org/reservas escollendo dentro das opcións dos diferentes mosteiros e museos a opción denominada: COMBINADO MOSTEIRO + BUS LANZADEIRA A Sta. CRISTINA (Inclúe entrada para Mosteiro e o servizo de traslado en bus-lanzadeira). Non poden facerse reservas por teléfono.

Paradas do bus

O Bus-Lanzadeira terá parada en Castro (diante do Cámping Canón do Sil) para poder ver o miradoiro de Xariñas de Castro, o miradoiro dá Cividá e o Castro da Idade de Bronce. Esta parada de Castro farase tanto na subida como na baixada ao Mosteiro.

Os usuarios poderán baixar e subir á hora que queiran en Castro ou no Mosteiro no uso da súa viaxe sen restrición de tempo e sabendo os horarios de final do servizo de subida e baixada do bus – lanzadeira. Só poderase usar unha vez a entrada ao mosteiro cos seus correspondentes traslados en lanzadeira.

As datas e os horarios serán os seguintes:

OBRIGATORIO TODOS Os DÍAS DA SEMANA: desde o 1 de xullo ata o 17 de setembro 2023

HORARIO DO COMBINADO BUS-LANZADEIRA + MOSTEIRO DE SANTA CRISTINA:

Os LUNS de xullo, agosto e setembro: PECHADO MOSTEIRO. Sen servizo de Bus-Lanzadeira. Non se poderá visitar nin acceder ao Mosteiro en ningun tipo de vehículo e por prudencia aconséllase non acceder a pé ata o mosteiro debido a que está pechado e illado.

LUNS: MOSTEIRO PECHADO

MARTES A DOMINGO:

Saídas da lanzadeira desde o concello:
• MAÑÁS: 10:30 / 11:15 / 12:00 / 12:45
• TARDES: 15:30 / 16:15 / 17:00 / 17:45 / 18:30

Saídas da lanzadeira desde o Mosteiro de Sta. Cristina:
• MAÑÁS: 10:50 / 11:35 / 12:20 / 13:30
• TARDES: 15:50 / 16:35 / 17:20 / 18:05 / 19:15

DATAS ESPECIAIS DE APERTURA DO MOSTEIRO:
• Luns 24 xullo
• Luns 14 agosto

DATAS ESPECIAIS DE PECHE DO MOSTEIRO:
• Mércores 26 xullo
• Mércores 16 agosto
• Xoves 31 agosto

PRAZAS NO BUS-LANZADEIRA: 30

PREZO DO SERVIZO:

• PÚBLICO XERAL: 3,00€ (incluíndo 2,00€ do prezo da entrada ao Mosteiro)

• GRATUIDADES:
1. Menores de 14 anos.
2. Guías turísticos no exercicio das súas funcións.
3. Residentes de Parada de Sil acreditando con documento oficial.
4. Titulares Carné Xove.
5. Persoas con discapacidade.

Así mesmo, dende o Concello de Parada de Sil informan de que “aquelas persoas con discapacidade, persoas maiores, bebés, mulleres embarazadas, autobuses de visitantes de non máis de 10 metros de longo organizados con ou sen guía turístico ou similares etc. poderán baixar co seu vehículo con autorizacion previa da Oficina de Turismo de Parada de Sil chamando con previsión ao 689683713 ou enviando mensaxe con anticipación ao email: turismo@paradadesil.es“.

Artigos relacionados

Back to top button