O Barco vivía unha intensa tarde de atletismo e festa da man da XXXIV Milla Urbana do Barco, unha proba nacional de ruta que se celebraba no Malecón a partir das 18h. da tarde deste domingo 11 de setembro no marco das Festas do Cristo. Competición de alto nivel nas probas absolutas, pero tamén unha festa do atletismo na que participaban dende meniños de menos de 3 anos ata veteranos que superaban os 80 anos.
Especialmente seguidas polo público que animaba o circuíto eran as carreiras absolutas, que se disputaban a partir das 19:55h. Comezábase coa Milla absoluta feminina onde, non había sorpresas. Solange Pereira (Valencia Sports) facíase co título nun sprint final no que Ángela Viciosa (Atl. Isaac Viciosa) era segunda e Ester Navarrete, terceira. O mellor resultado valdeorrés viña da man de Inés Docampo (Adas Cupa) cunha sexta posición, que recibía o trofeo do Periódico O SIL á mellor valdeorresa da Milla.
Na carreira absoluta masculina, na que nesta edición non houbo representación valdeorresa, facíase co título por segunda edición consecutiva Nassim Hassaous (FC Barcelona), mentres que a segunda posición correspondíalle a Jesús Gómez (Nike Running) e a terceira a Sergio Alegre (Adas Cupa).
A Milla concluía coa entrega de trofeos das categorías absolutas, máster, popular e veteranos. Na máster masculina C vencía Saturnino González (Club Ourense Atletismo), sendo a ganadora feminina Elena Ledo (Adas Cupa) en máster. En máster A impoñíase o barquense Alberto Carlos Asensio, mentres que o mellor corredor popular era Manuel Besteiro (A Gándara).
O acto de entrega de premios contaba coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García, e do concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, así como coa doutros membros da corporación, co presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, co do xefe do Servizo Provincial de Deportes de Ourense, Manuel Pérez, e co presidente do Club Adas, Agustín González.
“Estamos tremendamente satisfeitos, moi orgullosos de que teñamos unha oferta en Galicia destas características coa Milla. Vai ser a miña última Milla como presidente da Federación Galega. Presenciamos un nivel moi alto, no caso da categoría feminina a vitoria de Solange Pereira, unha muller que xa é historia no atletismo español e en categoría masculina contamos con dous homes nos 1.500, un de 3.33 e outro de 3.36 pois xa acredita o nivel enorme desta Milla”, resaltaba o presidente da FGA, Isidoro Hornillos.
Tamén dende a Concellería de Deportes do Barco (organizadora desta competición xunto ao Club Adas, á FGA e a Delegación Valdeorresa de Atletismo), o seu titular, Aurentino Alonso, facía un balance positivo desta edición. “Creo que o espírito da Milla recuperouse, ao mellor faltou algo de público pero o certo é que o calor que houbo esta tarde no axudaba e que volver a recuperar ritmo despois de tres anos non á fácil. Por iso cremos que debemos estar satisfeitos porque a Milla volve arrancar nesta nova etapa poscovid con forza e na vindeira edición penso que a teremos a pleno rendemento, tal e como a coñecíamos antes da pandemia”.
Na organización desta XXXIV Milla do Barco contouse coa colaboración da Policía Local, do GES Valdeorras, Protección Civil do Barco e de Ambulancias Sil. Esta proba enmárcase na celebración das Festas do Cristo 2022.
Homenaxe a atletas valdeorreses
Nesta edición da Milla volvía renderse homenaxe aos atletas da comarca máis destacados. Así homenaxeábase a Mónica Yáñez, Pacho García, Conchi Prada, Manolo García, Javier Cid e Aarón Pérez, Inés Docampo, Belén García, Carlos Revuelta e Leticia Gil.
Fotos: Carlos G. Hervella.