EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Compradores e prescritores nacionais percorren a D.O. Ribeiro

Tres adegas recibiron a visita dos profesionais chegados de Madrid durante a viaxe #DescubreRibeiro e outras 10 presentáronse en cata rápida

 

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro, continuando coa aposta pola promoción e o desenvolvemento de negocio das adegas e os seus viños, organizaba esta semana a visita dunha delegación nacional de compradores e profesionais do sector. Nesta iniciativa participaban un total de 11 expertos, entre os que se atopaban as empresas Tome Vinos, O Corte Inglés, Distribuciones Merino, Bodeboca, Vino Premier, Vinoselección ou Mibil Distribución.

O programa incluía a visita a tres adegas, con cata dos seus viños máis representativos nas súas instalacións, tras visitar os seus viñedos e coñecer máis de preto as variedades de uva autóctonas. Adegas Pazo do Mar, Adega Alanís e Pazo de Toubes (Viña Costeira) foron as visitadas, tendo así os participantes a oportunidade de coñecer distintos proxectos e adegas.

“Os invitados coñeceron de primeira man diversos proxectos de diferentes vales da Denominación de Orixe, probando a Treixadura en viños monovarietais, combinada con outras variedades autóctonas, así como nalgunhas elaboracións moi especiais”, comenta o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares. Así mesmo, organizáronse dúas xornadas de “speedtastings” (catas rápidas) onde outras adegas presentaron os seus proxectos e viños nun curto espazo de tempo (30 minutos), para que os invitados puidesen levar unha maior idea dos produtos vinícolas da zona.

 

 

Viños de Encostas, Adegas Campante, Viña Eduardo Bravo, Adegas Laudes, Adega Mauro Estévez, Coto de Gomariz, Pedro Villamarín Viños, Adegas Cunqueiro, Xulia Bande e Adega do Moucho ofreceron a presentación dos seus proxectos e entre todos sumaron unha completa cata de 30 viños, algúns monovarietais de Treixadura, Godello, Lado ou Mencía, outros plurivarietais (brancos e tintos) e tamén varias elaboracións moi especiais e limitadas. “Esperamos que con estas actividades leven unha completa idea de todo o que conforma a D.O. Ribeiro, xa que non só é viño: o territorio, o termalismo, a historia, a gastronomía, a tradición ou as persoas son tamén factores importantes para a zona” engade Casares.

Artigos relacionados

Back to top button