Viticultores da Ribeira Sacra concentrábanse esta mañá diante da sede do Consello Regulador Ribeira Sacra, en Monforte. Neste acto reivindicativo, convocada conxuntamente polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e Unións Agrarias (UUAA), facíase entrega neste organismo dun escrito compilando unha serie de proposta de medidas para tentar, “por unha banda, que a vendima 2024 non sexa un auténtico desastre para a Denominación de Orixe e para toda a Ribeira Sacra e, por outra, medidas para ter futuro”.
As medidas expostas polos sindicatos son as seguintes. En primeiro lugar, que o “Pleno do Consello Regulador inste a Consellería de Medio Rural para que tomen medidas realmente efectivas para que aos viticultores e ás viticultoras que lles quede a uva sen recoller, teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incurriron durante todo o ano. As medidas publicadas esta semana non serven, non van impedir que quede a uva nas vides e que toda a perda vaia ser a cargo do viticultor ou viticultora”.
Ademais pídese que “se forme un grupo de traballo amplo para abordar a situación actual e as medidas para o futuro. As medidas que se poder estudar son, entre outras: poda en verde e baixar rendementos, destilación de crise, limitar plantacións/non permitir novas plantacións, unha campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra e un mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO”.
Ademais no escrito presentado pídese “maior información ás persoas viticultoras de todas as cuestións que teñan que ver coa actividade do Consello Regulador: mantelas informadas dos acordos que se tome e que lles afecten” e “devolución das taxas cobradas ás persoas inscritas que este ano non poidan vender uva por causa que que non hai adega que lle recolla”.
Os convocantes desta concentración consideran que as “medidas anunciadas esta semana pola Consellaría do Medio Rural para xestionar a crise de excedentes na Ribeira Sacra, ademais de insuficientes, concretaranse inda dentro de moitos meses despois de que teña lugar a vendima, as medidas propostas hoxe permitirían abordar esta situación xa” e aseguran que, “se a próxima semana a Xunta de Galicia non presenta unha nova proposta ás mobilizacións trasladaranse á delegación da Consellaría do Medio Rural (Lugo) o vindeiro venres 13”.
Fotos cedidas.