EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Concha Iglesias resulta elixida para a presidencia do CRDO Ribeiro

Carlos Basalo Vidal é o novo vicepresidente deste organismo vitivinícola

 

Os membros do pleno do Consello Regulador da D.O. Ribeiro elixía, nunha votación con nove votos a favor, a Concha Iglesias Pousa como presidenta da organización, fronte a un voto ao outro candidato para presidir o cargo. Esta votación tiña lugar durante o pleno extraordinario que se celebraba esta mañá na sede do consello regulador, en Ribadavia, e que aprobou a elección de Concha para presidir o C.R.D.O. Ribeiro. “Na actualidade a D.O. Ribeiro atravesa un bo momento, polo que apostarei por unha presidencia que siga co que se está a desenvolver, tentando aumentar a visibilidade da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia a nivel nacional e mesmo internacional”, comentou Iglesias.

Asegura que traballará apostando pola calidade e en consenso entre todos os axentes que integran a D.O. Durante o pleno tamén foi elixido vicepresidente da entidade o vogal dos viticultores, Carlos Basalo Vidal.

Concha Iglesias asumiu o cargo de presidenta en funcións tras a dimisión do anterior presidente, sendo entón vicepresidenta do pleno e vogal do censo de cooperativas. Licenciada en Dereito, tamén ocupa a vicepresidencia da Cooperativa Viña Costeira durante 13 anos. Leva máis de 24 anos vinculada ao sector do viño como viticultora.

Back to top button