A Consellería de infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de execución do novo muro de contención e da nova beirarrúa da estrada autonómica OU-533, no concello de Viana do Bolo. Trátase dunha das dúas intervencións de emerxencia levadas a cabo polo departamento de infraestruturas, de estabilización de muros e noiros, na provincia de Ourense.
No caso da estrada OU-533, as actuacións centráronse no quilómetro 19+500, na súa marxe esquerda, onde se produciu o derrubamento dun muro de contención e a beirarrúa que estaba sobre el. As intervencións neste tramo da vía autonómica ao paso polo núcleo de Viana do Bolo incluíron a demolición da parte da beirarrúa afectada e do muro restante que estaba en condicións inestables, así como a escavación de toda a fronte de actuación para a construción do novo muro.
Executouse un muro de escollera de 30 metros de lonxitude formado por bloques de pedra granítica cunha altura aproximada de 5 metros máis a profundidade de cimentación, no entorno de 1 metro. Tamén se procedeu ao recheo do trasdós do muro e á formación do núcleo de terraplén.
Os traballos completáronse coa reposición definitiva dos servizos municipais afectados, de abastecemento de auga e alumeado público, e coa formación do firme e da soleira da beirarrúa.
Intervención na estrada OU-801, en Cortegada
As actuacións que se están a desenvolver na estrada OU-801, no municipio de Cortegada, céntranse no punto quilométrico 13+700, marxe esquerda, onde se produciu o colapso dun muro de sostemento en desmonte, duns 6 metros de altura nunha lonxitude de 15 metros, que provocou un deslizamento de terras e o corte da calzada.
Os traballos de reparación do muro de sostemento derrubado, duns 6 metros de altura nunha lonxitude de 15 metros, están xa rematados. Esta semana comezouse a demolición do muro de formigón en masa que existe a continuación do que se derrubou, das mesmas características e cunha dimensión de 22 metros de longo e 4 metros de altura.
O resultado final desta obra permitirá dispor na estrada OU-801 dun novo muro de escollera de 37 metros de lonxitude formado por bloques de pedra granítica cunha altura aproximada de 4 metros e ao recheo do trasdós do muro. A intervención rematará coa limpeza e co acondicionamento da parcela particular afectada polo derrubamento.