ConcellosÚltima hora

Conferencia Hidrográfica e Concello de Xinzo avanzan no saneamento do río Limia

O proxecto contempla a construción dunha depuradora en Fiestras e un bombeo de augas residuais en Laroá. Todo isto por un custo aproximado de 250.000 euros
Antonio Pérez e Francisco Marín.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), asinou un Convenio de colaboración co concello de Xinzo de Limia para continuar coas obras de mellora do saneamento do río Limia, nas parroquias de Fiestras e de Santa María de Laroá.

O acto foi celebrado esta mañá (19 de abril) no Salón de Plenos do Concello de Xinzo e asinado polo presidente da CHMS, Francisco Marín, e polo concello da localidade, Antonio Pérez.

A inversión prevista supera os 250.000 euros que serán sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello. Está previsto que estas novas instalacións poidan estar finalizadas e en servizo nun prazo de 3 meses, anunciaron dende a Confederación Hidrográfica.

O obxectivo deste proxecto é a mellora do servizo e calidade da depuración dos núcleos de Fiestras e dunha pequena parte de Santa María de Laroá, para 61 e 20 habitantes na actualidade, respectivamente, co fin de captar os efluentes que chegan ás fosas actuais para proceder á supresión das mesmas.

Entre as actuacións previstas está a construción dunha nova e pequena depuradora en Fiestras, xa que en Santa María de Laroá xa existe unha que dá servizo a boa parte do núcleo. Esta nova depuradora situarase na parcela que ocupa a fosa séptica, que será destruída á finalización da construción. Por outra banda, construirase un bombeo de augas residuais para o sur do núcleo de Laroá, que dará servizo para 20 habitantes.

O convenio asinouse no Salón de Plenos do Concello de Xinzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button