En portadaÚltima hora

Confírmase a ocupación tardorromana de Valencia do Sil polo carbono 14

As escavacións neste xacemento de Vilamartín de Valdeorras continuarán neste ano co apoio do Concello

O arqueólogo Carlos Tejerizo nunha visita guiada no Castro de Valencia do Sil./ Foto: A.R.

 

As primeiras datacións radiocarbónicas das escavacións arqueolóxicas realizadas no pasado verán no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) veñen a confirmar a ocupación do asentamento nun momento tardorromano, “moi probablemente no século IV, sen descartar polo de agora nin momentos anteriores, nin momentos posteriores. Porén, as dúas datacións efectuadas parecen ser bastante claras con respecto á ocupación nunha etapa tardorromana”, explica Carlos Tejerizo de Sputnik Labrego, director do proxecto.

Estas datacións foron feitas no laboratorio BETA Analytics, situada en Miami e onde tamén se mandaron as mostras do recente achado de Vilachá (A Pobra do Brollón) polo proxecto Adegas da Memoria, coordinado por Xurxo Ayán. Concretamente, as mostras de Valencia do Sil proceden de dous ósos de animal provintes das escavacións feitas polo arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer e polo equipo de Sputnik Labrego no pasado verán.

“A datación por medios científicos do asentamento era un dos obxectivos fundamentais da pasada campaña”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora das escavacións, quen indica que os resultados veñen a confirmar as hipóteses propostas tanto polo grupo valdeorrés de Os Escarvadores como por expertos como Santiago Ferrer a partir das súas análises do material arqueolóxico.

Estas datacións radiocarbónicas foron financiadas polo grupo Síncrisis, da Universidade de Santiago e dirixido polo catedrático Marco García Quintela. José Carlos Sánchez Pardo, profesor da USC pertencente a este grupo e colaborador no proxecto de Valencia do Sil resalta a importancia dos resultados.

Valdeorras e Proendos (Sober)

“Este é un gran paso para confirmar a importancia de Valdeorras en época tardorromana, se ben abre moitas preguntas con respecto ás razóns polas que se ocupou o sitio e, sobre todo, cando e por que se abandonou”. Estas preguntas engádense as interesantes perspectivas abertas polo recente descubrimento en Proendos (Sober) feito por Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía, “sen dúbida, hai que seguir investigando”, afirma Sánchez Pardo.

As escavacións en Valencia do Sil terán continuidade en 2020 grazas á implicación do Concello de Vilamartín de Valdeorras, cuxo obxectivo é poñer en valor o sitio mediante un proxecto conxunto co equipo Sputnik Labrego e a Universidade de Santiago de Compostela, co fin de que o xacemento sexa unha referencia arqueolóxica, non soamente na bisbarra de Valdeorras, senón de toda Galicia.

Máis información:
https://osil.info/os-traballos-de-prospeccion-arqueoloxica-en-proendos-sober-descubren-un-gran-edificio-con-construcions-asociadas/

Artigos relacionados

Back to top button