CulturaCultura

Os traballos de prospección arqueolóxica en Proendos (Sober) descubren un gran edificio con construcións asociadas

Os resultados desta intervención con xeoradar veñen de facerse públicos este venres no Centro Sociocultural soberino

Prospección arqueolóxica en Proendos (Sober)./ Foto cedida.

 

En outubro do pasado ano realizábase unha prospección con xeoradar nos terreos da parroquia de Proendos, en Sober. No lugar existía a constancia da presenza dun xacemento arqueolóxico de gran tamaño do cal se teñen documentado numerosas pezas; como columnas, cerámicas e material construtivo. O traballo realizouse, en concreto, nas proximidades da igrexa de Proendos baixo a dirección de Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL.

Os resultados desta actuación arqueolóxica facíanse públicos na tarde deste 17 de xaneiro nun acto no Centro Sociocultural de Sober o presidido polo alcalde, Luis Fernández Guitián, e no que tamén participou a empresa encargada dos traballos, Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL.

O obxectivo da prospección era coñecer “o estado de conservación deste xacemento, o seu tamaño e a súa posible funcionalidade. Tras a prospección de 27.000 metros cadrados, os resultados do xeoradar foron positivos. Documentouse un grande edificio con construcións asociadas duns 3.000 metros cadrados, cunha estrutura a modo de ábsida e posibles evidencias de baños no seu interior”, segundo o Concello de Sober.

Nas proximidades deste grande edificio existen outros de menor tamaño asociados a rúas ou calzadas de paso, que denotan un complexo entramado urbano en época antiga en Proendos. Outros puntos prospectados ofrecen información sobre posibles estruturas de almacenamento, captación de auga e incluso existe unha posible estrutura defensiva a modo de foso, así como a coñecida necrópole de Proendos.

As características urbanas constatadas fan pensar en grandes edificios de cronoloxía romana xunto con fases prehistóricas e medievais. A funcionalidade e identificación dos edificios é unha hipótese ata poder   realizar escavacións arqueolóxicas que contrasten os datos.

“Os estudos indican que poderíamos atoparnos ante unha vila romana ou un aglomerado secundario, un pobo cun urbanismo sofisticado”, matizan dende o Concello de Sober.

 

Artigos relacionados

Back to top button