DeportesÚltima hora

O Consello Municipal de Deportes de Ourense destina case 900.000 euros en axudas

Os cartos van destinados a eventos deportivos, deportistas e clubs da cidade
Foto de grupo dos deportistas que recibiron as axudas.

O Consello Reitor do 21 de decembro de 2017 resolveu a concesión de bolsas a deportistas individuais convocada no BOP nº 194 do pasado 24 de agosto de 2017. Estas achegas supoñen un total de 25.000 euros, “o que deixa constancia da grande aposta do Consello Municipal de Deportes, e polo tanto do Concello de Ourense, polo deporte”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante o acto de entrega destas axudas, celebrado hoxe, 22 de decembro, no Auditorio de Ourense coa presenza do concelleiro de Deportes, Mario Guede.

Porén, o apoio do Consello Municipal de Deportes ao deporte local acada un total de 860.000 euros nas súas tres liñas. Ademais da do apoio a deportistas individuais, está o apoio a clubs deportivos -liña 2-, cunha partida orzamentaria de 735.000 euros. En total, foron 86 os clubs -con preto de 9.000 deportistas nas súas filas- que recibiron axudas municipais. Tamén está o apoio a eventos deportivos -liña 1-, que este ano chegaron a 50 eventos deportivos con 100.000euros, buscando sempre colocar a nosa cidade no ollo dos eventos deportivos a nivel provincial, autonómico e nacional.

Colaborar, motivar e animar

A liña 3 de axudas é para os deportistas de máis nivel da nosa cidade, co gallo de que continúen coa súa práctica deportiva e leven o nome de Ourense por todo o país, mesmo ao estranxeiro. Estas axudas abranguen a rapaces de menos de 18 anos (iniciación), e máis de 18 anos cunha traxectoria deportiva salientable (cualificación). “Estamos orgullosos de vós e esperamos que consigades, cando menos no 2.018, os éxitos da pasada tempada”, dixo Vázquez Abad.

“Resulta complicado xuntar, nunha mesma convocatoria, tantos deportes: desde salvamento ou natación, pasando polo hípica ou tiro olímpico, ou Jiu Jitsu e Wushu”, comentaba o edil Mario Guede. Nesta convocatoria houbo un total de 72 solicitudes das cales reciben bolsa 59 deportistas ao obter a puntuación suficiente ou estar por riba dos mínimos sinalados na convocatoria.

Artigos relacionados

Back to top button