EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Consorcio de Turismo Ribeira Sacra abre as reservas para unha nova edición do xa clásico Viñobús Vendima

 

A experiencia, semellante á de edicións anteriores, pretende que os visitantes de Ribeira Sacra teñan a oportunidade de poñerse na pel dos nosos e nosas “viticultores heroicos”. Deste xeito, reprodúcese o que sería un día de vendima tradicional nas pronunciadas ladeiras da nosa Denominación de Orixe.

Comézase a xornada cunha breve introdución e paseo polo viñedo, acompañados dos propios colleiteiros, quen ensinarán as particularidades do chan e das uvas a colleitar. A experiencia continúa coa organización de traballos e aparellos necesarios para levar á viña, recollida e carretaxe da uva e, posteriormente, os que se animen, poderán pisar os acios como se facía antigamente.

Os participantes tamén terán a oportunidade de realizar unha cata de uvas, mostos e viños, ademais de desfrutar dun pequeno tentempé ao rematar, tal e como se fai nunha xornada habitual de vendima.

É unha actividade dirixida a todas as idades e a súa duración é dunha media xornada estendida; inclúe o transporte en microbús, guía especializado en enoturismo e todas as actividades en viñedo e adega. Todos os que participen do pisado tradicional da uva, poderán recibir nos seus domicilios unha botella de viño cando éste estea listo para a súa degustación.

As reservas están abertas na páxina web do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

Trátase dunha iniciativa financiada con cargo ao Convenio de Colaboración asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

Datas 2023: 21,22, 28 e 29 de setembro.

Máis información e reservas: https://turismo.ribeirasacra.org/gl/vinobusvendima2024

Artigos relacionados

Back to top button