ConcellosLaroucoÚltima hora

Construirase unha nova senda entre Freixido e A Caseta (Larouco)

Esta actuación, que se acordaba nunha reunión mantida entre a conselleira de Infraestruturas e a alcadesa de Larouco, suporá un investimento duns 50.000 euros

 

O Concello de Larouco e a Xunta promoverán a execución dunha nova senda entre Freixido e A Caseta. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa deste municipio valdeorrés, Patricia Lamelas, á que tamén asistía o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, no que detallou que esta nova actuación, coa que a Xunta atende a demanda trasladada polo Concello, suporá un investimento autonómico próximo aos 50.000 euros. Esta nova intervención virá complementar os traballos de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade que se están a levar a cabo agora mesmo na estrada OU-636.

“A Xunta está a habilitar cunetas transitables nos núcleos de Larouco e da Caseta, que conectarán coas beirarrúas actuais, favorecendo os desprazamentos a pé dos veciños entre estes dous núcleos. No marco destes traballos tamén se están a adecuar aos requisitos de accesibilidade os pasos de peóns existentes. Máis concretamente, no núcleo de Larouco estanse a habilitar tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais. Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade”, segundo lembra Infraestruturas.

No núcleo da Caseta estanse a executar tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910.

Estes traballos, iniciados no mes de marzo, supoñen un investimento autonómico de máis de 48.000 euros e teñen un prazo de execución de 4 meses, polo que estarán rematados no verán.

Co novo itinerario previsto entre A Caseta e Freixido, a Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlle aos veciños de Larouco desprazamentos máis cómodos e seguros entre estes núcleos de poboación.

Por outra banda, a titular de Infraestruturas e Mobilidade trasladoulle á alcaldesa de Larouco a previsión da Xunta de contratar de xeito inmediato as obras de adecuación da estación de tratamento de auga potable para o abastecemento do municipio.

Ethel Vázquez detallou que os trámites para contratar os traballos están listos polo que o obxectivo é iniciar as obras xa a comezos de verán. Esta intervención suporá un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button