
Dende as 20:25 h. desta tarde está controlado o incendio forestal que se iniciaba o pasado 14 de xullo en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e que despois se estendía polos concellos do Barco e de Rubiá, devastando unhas 10.500 hectáreas de superficie, rodeando numerosas localidades e entrando nalgunhas delas, deixando casas ardidas, así como queimando soutos de castiñeiros, viñedos e colmeares. Ademais o lume afectaba ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá).
Nos labores de extinción deste incendio teñen traballado 16 técnicos, 108 axentes, 216 brigadas, 93 motobombas, 5 pas, 12 avións, 13 helicópteros e a Unidade Militar de Emerxencias (UME), segundo os datos de Medio Rural.
Estabilizado o incendio forestal de Pradoalbar (Vilariño de Conso)
Por outra banda, tamén esta tarde, dende as 18:28h., está estabilizado o incendio forestal iniciado o 15 de xullo en Pradoalbar (Vilariño de Conso) e que ten devorado unhas 6.500 hectáreas, segundo Medio Rural. Afectaba ademais ademais ao Parque Natural do Invernadeiro. Nos traballos de cara a lograr a extinción deste lume teñen traballado 6 técnicos, 79 axentes, 156 brigadas, 76 motobombas, 7 pas, 9 avións e 15 helicópteros.
