Nesta semana presentábase o Premio Literario “Carlos Casares” de Microrrelato nun acto celebrado no Liceo de Ourense e que contaba coa presenza de Javier Casares Mouriño (como presidente do Liceo e tamén da Fundación Carlos Casares) e do investigador vianés Carlos Ares (como Padroado da Fundación Carlos Casares e coordinador do evento).
“Este premio nace inspirado no que entre os anos 2002 a 2015 convocaba o Liceo Ourensán na súa cidade, para as categorías de maiores e menores de 24 anos. Agora, coa idea de facelo rexurdir e de que sexa un soporte para o fomento da cultura en xeral e da escrita en galego en particular, é de novo convocado pola Fundación Carlos Casares e o Liceo de Ourense, para que perdure no tempo e se convirta nunha proposta educativa destinada ao alumnado dos centros de ensino ourensáns”, explica Ares.
Ademais matiza que o obxectivo deste galardón é “potenciar a lingua galega na creatividade da escrita, así como o de fomentar o seu uso nos hábitos de lectura; sempre coa intención de que o galego ocupe un espazo relevante nos seus períodos formativos e que forme parte esencial dos seus crecementos educacionais”.
O premio convócase en maio por ser este o mes das Letras Galegas e fallarase e entregarase en novembro, no marco da celebración do San Martiño, “festividade que conta cun gran arraigo e importancia simbólica, tanto na cidade de Ourense como no resto dos concellos da provincia”. Nesta primeira edición poderán participar os alumnados oficialmente matriculados no curso 2023/24 e/ou 2024/25, nos centros de ensino post-obrigatorio de Bacharelato e Ciclos de Grao Medio e Superior, de toda a provincia de Ourense, para o que deberán presentar un microrrelato de temática libre.
Neste certame figuran como entidades colaboradoras a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e Caldaria Hoteles y Balnearios. Os premios serán entregados nunha gala que se prevé para finais de novembro no Salón Nobre do Liceo e xirará arredor da obra de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que o ano pasado cumpría o seu 50 aniversario. Nesta gala un elenco fará unha reinterpretación libre da mesma en tres actos, cunha posta en escea que correrá a cargo de tres grupos, de danza, música e teatro inclusivo, respectivamente, aos que se unirá un artista gráfico que debuxará en directo. Unha banda musical xuvenil será a encargada de ofrecer aos asistentes un interludio musical. Na mesma tamén estarán presentes membros das entidades convocantes e colaboradoras.
As bases poden consultarse aquí