OurenseÚltima hora

A Coral de Ruada e a Deputación únense para difundir a cultura do país nos “Concertos Ourensanía”

Esta iniciativa cultural desenvolverase na rede de auditorios da provincia, ofrecendo preto de quince concertos
Presentación dos Concertos da Ourensanía.

A Deputación de Ourense e a Coral de Ruada únense para crear o programa “Concertos da Ourensanía”, que terán como escenario a rede de auditorios da provincia de Ourense, onde se ofrecerán preto de quince concertos por diferentes puntos da xeografía ourensá.

A presentación desta proposta cultural tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o presidente e vicepresidente da Coral de Ruada, Samuel Lago e Emilio Rodríguez, respectivamente.

Na presentación de hoxe, 4 de outubro, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou a alianza entre a Deputación de Ourense e a Coral de Ruada, á que cualificou como “un estandarte permanente, identificativo da nosa provincia”, e felicitou á entidade musical “que en 2018 cumprirá os seus primeiros cen anos sendo un símbolo e o mellor altofalante da tradición musical da provincia de Ourense, cunha traxectoria marcada polo éxito, o prestixio e a identificación coa nosa terra”.

O presidente do Goberno provincial subliñou que esta iniciativa cultural achega un gran programa a Rede Provincial de Auditorios, “que puxemos en marcha hai dous anos para que o territorio provincial sexa visitado por esta institución senlleira”, sinalou Baltar, quen destacou a alianza entre ambas entidades cun obxectivo: “A da defensa da nosa cultura”.

Pola súa parte, o presidente da Coral de Ruada, Samuel Lago, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e expresou que cos “Concertos da Ourensanía” “Deputación e Coral de Ruada divulgan e manteñen a cultura e música galegas”, e neste sentido, “de defensa do noso”, Lago anunciou que a Coral de Ruada pedirá que as Letras Galegas de 2019 renda homenaxe ao intelectual e galeguista ourensán Xabier Prado “Lameiro”, un dos fundadores da institución cultural, para recoñecer o seu labor, iniciativa que comparte Manuel Baltar, lembrando que a Deputación de Ourense editou xunto coa Coral de Ruada un número extraordinario da revista da coral dedicado a Prado Lameiro no 70 aniversario do seu pasamento.

En canto aos concertos, o vicepresidente de Coral de Ruada, Emilio Rodríguez, explicou que tanto o repertorio como os músicos e os letristas, “son maioritariamente ourensáns, o que encaixa cun dos motivos da existencia da Coral de Ruada: dar a coñecer o folclore ourensán”, e afirmou que na actualidade a coral conta con 45 membros e que a súa canteira está a recibir nos últimos tempos xente moza, destacando “a colaboración que mantemos con tres centros escolares da provincia de Ourense como son o Colexio Padre Feijóo-Zorelle, o Curros Enríquez e Irmáns Villar, para seguir promovendo e difundindo a nosa música coral tradicional entre os máis novos”.

Artigos relacionados

Back to top button