En portadaÚltima hora

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), capital das Letras Galegas o 17 de maio

A localidade natal de Florencio Delgado Gurriarán acollerá mañá o plenario extraordinario da Real Academia Galega, no que se lle renderá homenaxe

As fillas de Florencio Delgado e o seu neto, chegados dende América, percorrendo onte Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), con membros da súa familia galega./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con intensidade e ilusión vive a veciñanza de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) a celebración das Letras Galegas deste 2022, adicada a Florencio Delgado Gurriarán. O día grande desta celebracióni, o 17 de maio, celebrarase na Aira dos Bolos desta localidade a sesión extraordinaria e pública de homenaxe ao poeta valdeorrés da Real Academia Galega (RAG) a partir das 12:30h.

“O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home vital, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e no país que o acolleu, México”, destacan dende a RAG.

E ese espírito marcará o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica este ano. Despois do pleno, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha “Florenciada”, un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade. Para a ocasión viaxaron dende América (dende México e os Estados Unidos) as súas fillas Celia “Cheli”, Carmiña e Maruxa, e o seu neto Roberto, que está acompañado pola súa dona, Sara.

A capital das Letras Galegas 2022 prepárase dende hai tempo para a gran festa do 17 de maio cunha serie de actividades que se intensifican estes días. Un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado das escolas da comarca, concertos e contacontos son algunhas das actividades interxeracionais que está a desenvolver estes días en Vilamartín de Valdeorras e outros concellos da comarca a asociación As Letras de Florencio, composta por distintos colectivos, os municipios da zona e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e outros membros da institución participarán dende esta tarde en Valdeorras na programación especial da véspera do gran día das Letras Galegas, que contará tamén coa presenza dos familiares do poeta. Os demais membros da RAG chegarán mañá a Valdeorras.

De Valdeorras ao exilio mexicano

A RAG celebrará o pleno extraordinario na Aira dos Bolos, un espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro dos corgomeses para xogaren aos birlos, como retratou nos seus versos Florencio. Pero dende Valdeorras a Academia viaxará tamén a México, onde chegou en 1939 como exiliado a bordo do Ipanema, un dos chamados buques da liberdade. Coas Letras dedicadas á súa figura, a Academia lembra tamén, por primeira vez nun 17 de maio, o papel da diáspora naquel país, un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que abrirá a quenda de intervencións académicas sobre o homenaxeado.

O poeta valdeorrés recoñecía no seu discurso de recepción na Academia como membro correspondente (1981) -recuperado pola institución nunha edición especial- que na posguerra Buenos Aires era a capital cultural de Galicia, pero reivindicaba tamén o papel dos homes e mulleres que, coma el, contribuíron dende México a “escorrentar as tebras culturais”. Os medios de comunicación foron para eles unha ferramenta fundamental. Dende a radio ata revistas como Saudade e Vieiros, que Florencio codirixiu co cineasta Carlos Velo e Luís Soto, e que constitúe un episodio destacado da cultura galega durante a ditadura que neste 2022 cómpre tamén visibilizar.

A sesión plenaria continuará coa intervención da directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, que afondará na contribución de Delgado Gurriarán á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Outras actividades

Alén da sesión plenaria, a Real Academia Galega está a celebrar as Letras Galegas de Florencio con intensidade na Rede. O pasado xoves estreou na súa canle de YouTube o quinto e derradeiro capítulo da serie web documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda. Tamén está producindo as micropezas audiovisuais “Polos vieiros de Florencio”, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra

Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.

Novas edicións e un simposio

A Real Academia Galega publicará proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O historiador, biógrafo e sobriño do homenaxeado, tamén se fará cargo dun volume que recollerá correspondencia de Delgado Gurriarán con persoeiros da cultura galega.

Xa no outono, como é costume, a institución reunirá voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.

 

Artigos relacionados

Back to top button