As chuvias dos últimos días provocaban un considerable socavón na estrada que comunica as localidades de Barxela e Sampaio, no municipio valdeorrés de Petín. Era un veciño o que avisaba esta mañá desta situación ao Concello que seguidamente procedía ao corte da vía por motivos de seguridade.
“A localidade de Sampaio non queda incomunicada porque ten outro acceso, pero si é certo que esta é unha estrada moi transidada porque resulta moi cómoda a subida a Sampaio por Barxela”, explica a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista.
Ademais a rexedora adianta que a partir do luns os técnicos municipais visitarán o lugar para determinar as actuacións a levar a cabo para reparar a estrada. “Ademais vou contactar coa Deputación de Ourense para solicitar a súa colaboración posto que se trata dunha obra considerable co cal toda a axuda vainos ser necesaria”, comenta Raquel Bautista.
Fotos cedidas.