CulturaCulturaÚltima hora

Cristina García, de orixe valdeorresa, gañadora do II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero

O acto de entrega terá lugar terá lugar este venres 25 de novembro no Auditorio Multiusos da Xunqueira (Redondela)

A xornalista Cristina García./ Cedida.

 

A xornalista Cristina García López, con orixes en Valdeorras, vén de ser galardoada co ‘II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero”, que concede o Concello de Redondela e Joshua Alonso Mateo. O certame pretende recoñecer a ética á hora de tratar información tan sensible como a relacionada coa violencia de xénero, evitando o sensacionalismo e coidando a intimidade das vítimas e superviventes máis vulnerables.

A entrega do “II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero” terá lugar este venres 25 de novembro no Auditorio Multiusos da Xunqueira (Redondela) ás 20.00 horas, e estará aberta ao público ata completar aforo.

A gala estará presentada pola actriz Arantxa Treus, e contará coa intervención da xornalista e escritora Eva Mejuto e da actuación musical de Su Garrido Pombo.

Ademais contará coa lectura poética de Nuria Vil “As túas uñas gastadas: diálogo poético”, unha lectura na que se pon en diálogo a poesía de Sesé coa doutras autoras que coinciden no tempo e que tamén publican a día de hoxe, centrando o punto de conexión cos poemas que se inclúen no libro póstumo de Sesé Mateo No camiño do vento.

Cristina García, vinculada a CRTVG dende 1999

Cristina García López, nacida no Grove pero cuxa mai é do municipio da Veiga, recibirá o galardón polo capítulo ‘Mentres dormes’, do seu podcast ‘Superando a ficción’, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, García López explica os antecedentes deste tipo de violencia, da que comezamos a escoitar falar hai relativamente pouco tempo.

O xurado estivo composto por Alfredo Estévez, xornalista e membro durante moitos anos do xornal dixital ‘Comarcas na Rede’; Patricia Costa, xornalista de Radio Nacional de España (RNE) e gañadora do ‘I Premio Sesé Mateo’; Eva Mejuto, escritora literaria e xornalista; e Paula Montes, xornalista de Radio Vigo Cadena SER e TeleVigo.

Cristina García López é unha xornalista grovense vinculada á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) desde 1999. Na Televisión de Galicia traballou e colaborou en diferentes espazos como ‘Tardes con Ana’, ‘Bos días’ ou ‘A solaina’, e presentou durante seis anos o especial ‘Fogos do Apóstolo’.

Na Radio Galega traballou en varios programas como redactora e foi directora e presentadora do magacín ‘A Tarde’ durante oito tempadas. Actualmente é a Coordinadora de Programas da Radio Galega e unha das presentadoras do ‘Galicia por diante’ da Radio Galega e de ‘A Bóla Extra’ na Televisión de Galicia.

Comezou no 2020 o seu proxecto máis persoal: o podcast ‘Superando a ficción’. Cada capítulo conta unha historia real, pero co estilo narrativo dunha película radiofónica.

‘Mentre dormes’ lévanos ó momento no que os membros da ‘Manada’ cometeron unha violación grupal en Pamplona, e como os investigadores descubriron que estes individuos abusaran anteriormente dunha rapaza en estado de inconsciencia.

Tamén se trata a polémica distinción entre abuso e agresión sexual, que provocou a mobilización de milleiros de mulleres nas rúas e que acabaría desaparecendo coa recente aprobación da “Lei do só si é si” (Lei de Garantía Integral de Liberdade Sexual).

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017)

Sesé Mateo foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar, á súa familia durante meses. A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, se non que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres.

Coa creación deste premio preténdese seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación, e tamén, dalgún xeito, exixir unha especialización das persoas que cubran os casos de violencia de xénero. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra o maltrato sexan clave na prevención a través da sensibilización.

Artigos relacionados

Back to top button