CulturaCulturaÚltima hora

Cristóbal Hara, un fotógrafo habitual no Entroido tradicional ourensán, Premio Nacional de Fotografía 2022

Cristóbal Hara, no Entroido de Vilariño de Conso./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Cristóbal Hara vén de ser galardoado co Premio Nacional de Fotografía, correspondente ao ano 2022, a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. Considerado un renovador da fotografía documental española, Hara topábase co Entroido galego décadas atrás, ao embarcarse nun proxecto moi persoal que o levaba a percorrer o rural: plasmar nun libro as singularidades, sentimentos, emocións, tradicións… que identifican a España dende o máis fondo. Dende entón é habitual atopalo cada ano nalgúns dos Entroidos máis senlleiros da provincia de Ourense. A xente”, dicía nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL no ano 2020, “non soe entender como traballo. Para min o Entroido non é o tema, pero nel atopo imaxes que podo levar ao terreo que me interesa”.

Agora xurado do Premio Nacional de Fotografía vén recoñecer a Cristóbal Hara “pola achega única que representa a súa traxectoria, cunha linguaxe singular, e pola influencia que a súa obra ten no imaxinario fotográfico español, cunha produción na que ecoa a pintura, a literatura e a cultura popular, onde se dilúen as fronteiras que separan o documento da ficción. Moitos fotógrafos actuais reivindícanse herdeiros do seu traballo, o cal segue renovando incansablemente”.

Biografía

Cristóbal Hara, nacido en Madrid en 1946, estudou dereito e dirección de empresas en Madrid, Hamburgo e Múnich. Comezou a dedicarse á fotografía en 1969 en Londres influído polo traballo de Henri Cartier-Bresson. O seu traballo exhibiuse por primeira vez na exposición itinerante ‘Three Photographers’, organizada polo Vitoria & Albert Museum en 1974. Neses anos colaborou con axencias como John Hillelson (Londres), Viva (París) ou Cover (Madrid).

Aínda que só traballara en branco e negro, a partir de 1985 comezou a utilizar exclusivamente a cor, cambio que lle permitiu exercer o fotoperiodismo e atopar a súa propia linguaxe fotográfica evolucionando cara a unha dirección na que se desdibujaba a fronteira entre realidade e ficción.

As súas fotografías foron publicadas en revistas como Aperture, Camera, Creative Camera, DU, Photovisión e European Photography; así como nas revistas de El País, La Vanguardia e El Semanal.

A súa obra está presente, entre outras, en coleccións de institucións como o Stedelijk Museum de Ámsterdam, o Art Institute of Chicago, o Museo Reina Sofía de Madrid e o Vitoria & Albert Museum de Londres. Publicou numerosos volumes como ‘4 cousas de España’; ‘Vanitas, utrera e Murcia’, ‘PHotoBolsillo’ ou ‘Contranatura’.

 

Cristóbal Hara, na entrevista publicada no 2020 na revista “Entroido en Galicia”, que edita o Periódico O SIL.

 

O xurado

O xurado do Premio Nacional de Fotografía, presidido por Isaac Sastre de Diego, director xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, e actuando como vicepresidenta, Mercedes Roldán Sánchez, subdirectora xeral de Museos Estatais, estivo formado por Pilar Aymerich Puig, Premio Nacional de Fotografía 2021; Nicolás Combarro García, artista visual, cineasta e comisario de exposicións; Le Douglas, investigadora e docente; Inés Plasencia Camps, investigadora, docente e xestora cultural; Rosalind Williams, comisaria independente de exposicións e artista visual; Ramón Reverté Mascó, editor e director creativo da Editorial RM; Sandra Moratinos Maunac, comisaria independente de exposicións; José Enrique Font de Amora Busutil, director da Fundación Foto Colectania e María Teresa Méndez Baiges, catedrática de Historia da arte da Universidade de Málaga.

Artigos relacionados

Back to top button