CulturaCulturaÚltima hora

“Cultura de Cine”, a nova exposición de David López, na Biblioteca Municipal da Rúa

 

Son tantas e tan variadas as coleccións coas que conta David López Nogueira que pode expoñer unha por mes e non repetilas en moitos tempo. Así o está demostrando e neste mes de maio pode verse na Casa da Cultura da Rúa a cuarta exposición organizada por el mesmo no que vai de ano.

Empezou con láminas de Castelao, despois marcapáxinas, logo postais do mundo e agora artigos vencellados ao cinema. Ao longo deste mes e baixo o título “Cultura de Cine”, quen se achegue ata a Biblioteca Municipal da Rúa (Casa da Cultura) pode ver unha completa e ampla mostra da sétima arte.

 

David López Nogueira.

 

“A idea era colocar carteis de películas na entrada e ilos cambiando cada mes pero regaláronme unha gran cantidade de material a maiores do que xa tiña eu e decidín clasificalo e montar esta exposición”, explica David, calculando que andará preto dos mil os artigos que ten.

Na entrada da Casa da Cultura hai dúas grandes mesas, unha con pasquíns, programas e entradas do Cine Rialto clasificadas por datas, dende 1936 ata 1962 aproximadamente; e outra con carteis doutros cines (de Ponferrada, da Coruña,…). E xa no interior da biblioteca unha gran cantidade de carteis, programas, etiquetas e mesmo pegatinas de centos de películas de todos os tempos. Hai incluso libros de cromos, singulares e divertidos programas e algunha cinta en VHS. “Falta a música (B.S.O.) do resto hai practicamente de todo”, asegura David, destacando que é unha mostra ideal para nostálxicos e amantes do cinema.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button